Imprimir

José Luís Fiel | “As estradas do Salnés cambiaron un abismo: Antes estaban desfeitas e nos concellos agardaban por un como auga de maio”

b. y. - cambados | 24 de junio de 2018

Fiel, veciño de Tragove, esta semana, xunto ao vehículo comarcal | m. rolán
Fiel, veciño de Tragove, esta semana, xunto ao vehículo comarcal | m. rolán

A José Luis Fiel, veciño de Tragove (Cambados) de 63 anos, gústalle o seu traballo. E iso nótase nada máis comezar a falar. Quen foi o condutor do camión de bacheo da Mancomunidade

A José Luis Fiel, veciño de Tragove (Cambados) de 63 anos, gústalle o seu traballo. E iso nótase nada máis comezar a falar. Quen foi o condutor do camión de bacheo da Mancomunidade do Salnés durante máis de dúas décadas, alcanza agora a xubilación, máis fresco que algún mozo que o sistema laboral queima practicamente antes de comezar o partido. Case que se agradece falar con alguén que só ten boas palabras e amabilidade para coas súas condicións, compañeiros e superiores. Unha rara avis nun estendido mar de descontento laboral que ademáis é correspondido polos responsables do ente comarcal, que só teñen eloxios para un traballador “exemplar”. Amable, dilixente, responsable e bo profesional, din dende a Xerencia, Fiel retírase como unha das persoas que mellor coñece a rede de estradas da comarca do Salnés.

Con case que trinta anos na Mancomunidade, leva vostede superados varios presidentes e alcaldes, incluso aos máis veteranos.
Levo. Pois desde o 90 ou así, coñecín na Presidencia a Santiago Tirado, Cores Tourís, o defunto de Jorge Domínguez e a Gonzalo Durán.

Sempre desde o camión?
Non. Cando comecei entrei en contratos de incendios. Fun chófer dunha motobomba e alí botei tres anos. Logo estiven cun tractor-desbrozadora. E despois, xa co camión; con este camión, que o estrenei eu: Hai 23 anos que ando con el.

Pódense resumir 23 anos de oficio e traballo nunha soa resposta?
Pois no meu caso, podo dicir que foi unha marabilla. Traballei por todos os concellos e sempre moi ben. É máis, desde que comezou esta Corporación e esta Xerencia, aínda mellor. Son xente moi agradable, moi educada... A verdade é que así da gusto. E cando se traballa ben con persoas que arranxan as cousas, leváse moito mellor que nun sitio que estean sempre a berrar contigo. Hai que agradecerlle moito á Xerencia da Mancomunidade o ben que se porta, non o digo eu só, todo o mundo o di.

Pero dúas décadas dan para moito. Cambiaron moito as cousas dende entón a hoxe?
Si, claro. Ao comezo era eu só. Hai uns anos meteron outro camión de bacheo e agora hai dous que percorren a comarca e iso fai que eu leve só catro concellos: Cambados, Meaño, Sanxenxo e O Grove.

Iso permitiu mellorar o servizo?
Por suposto, porque antes tardabas moito en volver ao mesmo concello, polo menos dous meses. Cando volvías xa estaban a esperar por ti porque sempre había moito que facer. Agora, ás tres semanas volves estar na mesma localidade. A cousa mellorou moito.

E en canto as estradas, ás obras e ao seu mantemento, cambiou o xeito de ocuparse da rede viaria?
Tamén. Sobre todo nas obras que se fan agora. Antes eran todas con aglomerado en frío e iso facía que romperan moi facilmente. O problema das estradas é a chuvia e aquí hai moito inverno. Agora, co aglomerado en quente, duran moito máis: Hoxe unha estrada non hai que tocala en quince ou vinte anos, se non se fan cortes, claro.

Cortes, para poñer tuberías e así?
Exactamente. De feito, adoita pasar moito, gran parte do traballo é iso: Repoñer estradas cando hai que romper para pasar auga, saneamento...
En xeral, que tal coas estradas de O Salnés?
Cambiaron un abismo. Antes os concellos agardaban por un como auga de maio, porque estaba todo desfeito, por iso de como se facían as estradas, que rompían con nada... Había moitísimo traballo, mañá e tarde. Agora xa bacheo non queda moito, hoxe son máis eses cortes que falabamos.

Cales son os lugares máis problemáticos en estradas en O Salnés?
Actualmente xa todos os concellos están moi ben. Pero antes, quizáis, Meis, porque tiña moito terreo, moito rural e moitas pistas. E Sanxenxo, polas aldeas.

Na Mancomunidade, ao preguntar por vostede, son todo boas palabras. Ademáis, dixeron que en máis de vinte anos non tivo que coller nin unha baixa, iso como se consegue?
Pois si, non tiven a mala sorte de caer enfermo. Nin tropezar nunca. Supoño que é o destino de cada uno. Tamén é certo que a min gústame traballar ben seguro, co equipo preciso, guantes, botas, etc. A Ramón Guinarte (o xerente) gústalle moito ter as cousas todo en orde, con seguridade. E iso tamén axuda a que no día a día un traballe con máis tranquilidade.

Algúns encargados municipais disque o van botar de menos...
Ben, supoño que é como todo, pola veteranía nos traballos. Sempre che preguntan como podía quedar mellor algunha actuación, así que ás veces eu tamén daba algún consello, polo coñecemento e experiencia dos anos. Son dos que me fixo nas cousas: Se fago algo a próxima vez que paso miro se quedou ben o traballo ou se hai que repasar algo. E logo, se vas con xente con menos experiencia, ter coidado tamén, porque se están asfaltando hai que andar con ollo de non manchar coches, paredes... tes que estar un pouco enriba da xente.

Din que o traballo dignifica, pero as vacacións ou a xubilación tampouco pintan mal, non?
Ai, traballo teño! Xa estou con tres netos! E tamén teño un pouco viño... Eu deixo porque a carretera é complicada e prefiro seguridade. Xa que nunca tiven ningún accidente, nin unha multa, quero marchar así, como se di, pola porta grande. l

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/o-salnes/jose-luis-fiel-estradas-do-salnes-cambiaron-abismo-antes-estaban-desfeitas-nos-concellos-agardaban-auga-maio/20180624002047215899.html


© 2020 Diario de Arousa