Imprimir

Caride e Cabanillas: dous “ramóns” e unha mesma esencia poética

l. romero cambados | 12 de junio de 2019

O escritor Ramón Caride, autor do poemario “Ramón Cabanillas do A ao Z” sobre os grandes temas da súa obra | m. ferreirós
O escritor Ramón Caride, autor do poemario “Ramón Cabanillas do A ao Z” sobre os grandes temas da súa obra | m. ferreirós

O Concello reedita o poemario “Ramón Cabanillas do A ao Z” no que Ramón Caride versa sobre os temas esenciais da súa obra 

“Ramón Cabanillas do A ao Z” é como o bo perfume: intenso e vén en frasco pequeno. A esencia do “poeta da raza” impregna cada breve e xeitoso poema creado polo seu homónimo de nome e espírito creador, Ramón Caride, para este poemario no que emprega a escusa do abecedario para recrear os grandes  temas da súa obra. “É como unha especie de Cabanillas destilado”, di o escritor e profesor.

Incluso emprega vocabulario similar tras estudar a fondo o seu legado, o seu extenso legado e, polo tanto, non lle foi doado facer unha escolma ata o punto de que o abecedario quedoulle curto: só 23 letras para tanto sentir. As palabras escollidas foron, entre outras, agras, fouce, nai, Irlanda e coa eñe, como non podía ser doutro xeito: Fefiñáns. O barrio onde naceu Cabanillas e que tanto peso tivo na súa traxectoria, e a única na se que concedeu romper o guion; o único título dos seus poemas que non empeza pola correspondente letra do abecé, tamén porque ningún dos seus temas empeza pola eñe, conta o autor.

 
O limiar está firmado polo concelleiro de Cultura, Víctor Caamaño, que achega unha curiosa anécdota: o ilustre cambadés tiña en mente escribir un libro de lecturas escolares, pero non tivo apoio dabondo. Así, dalgún xeito, Caride dá vida a esa idea que lle rondou a cabeza; algo que descubriu agora. “Foi unha felicísima coincidencia; iso demostra que as ideas perduran aínda que a xente mude”, di.

A continuación dun legado
De todos os xeitos, está convencido de que nunca versaría sobre a súa persoa e obra, como sucede co seu singular alfabeto que “cobre unha parte onde Cabanillas está menos presente: a xuventude”, segundo Caamaño. De feito, este foi o motivo polo que o Concello aceptou a súa proposta de reeditar este libro que viu a luz no 2011, pero que quedou descatalogado tralo peche da editorial Everest. Segundo o concelleiro, “encaixa á perfección” no proxecto integral municipal para a posta en valor do legado Cabanillas, completando os dous libros infantís editados anteriormente e a musealización deseñada por Pepe Barro para Exposalnés, na que tamén emprega verbas significativas, neste caso 12. 


Con todo, ambos defenden que é un libro para todos os públicos interesados en adentrarse no universo Cabanillas porque “é unha pequena introducción á súa obra, unhas liñas de referencia para o que se achega ao poeta da raza por primeira vez”, engade o pai do poemario.


Ademais o escritor quedou “descontento”, e con esta nova edición, ilustrada por Xosé Cobas, síntese “moi satisfeito” porque é máis completa. O lector atopará un limiar, unha adicatoria de Méndez Ferrín e novos poemas. E tamén porque é un libro cambadés ata ás pastas: a súa coidada edición é traballo dunha imprenta familiar da capital do albariño, Fidalgo, e Paco Castiñeira, deseñador do Concello, encargouse da portada. E destácao porque tamén busca render “unha homenaxe” a esta terra na que se sente un paisano máis, a pesar de ser natural de Cea, tras 30 anos nela e dúas fillas cambadesas de nacemento. Todo isto xa queda patente na propia cuberta, ilustrada coa fachada do Pazo de Fefiñáns.


Confesa o autor que foi tamén un “traballo bonito” que lle descubriu novas cousas. “Todos coñecemos ‘Da terra asoballada’ ou ‘Vento mareiro’, peros libros finais como ‘Da miña zanfona’ son menos coñecidos –non son lecturas escolares e de referencia–, pero son mois bos; Cabanillas tiña unha altura moi grande en todo o que fixo”. Da fe diso máis que dito de que era “un poeta completo; tiña a capacidade de coller temas populares e logo aporta moitísimas referencias da cultura clásica, era moi culto e sobre todo, ameno de ler, incluso os poemas longos teñen sustancia narrativa, son unha pequena historia local de Cambados pero tamén da emigración, do feudalismo, a efervescencia na época da II República... Incluso ten poemas modernistas, dunha época que estivo en Madrid, que se apartan da imaxe que temos del”. 

Descubrimentos
Tamén descubriu a súa faceta como tradutor e recreador en “Versos de alleas terras e tempos idos”, con recreacións de poetas clásicos e coétanos seus, e presenciou o solpor do poeta, onde “é como que volve a revisar todo o que fixo, afondando”. Na súa opinión, “moi poucos teñen esa amplitude e calidade de obra”, resume o escritor. Pero dende logo, nada ten que ver coa imaxe que tentou proxectar el mesmo. Segundo Caride, “nunha carta chegou a dicir que fora un burócrata que fixera versos ocasionalmente, pero non é certo”. Foi pouco antes de gardar a pluma para sempre, a días de que vira a luz a súa “Obra Completa”, editada en Bos Aires. Tamén aparece o poeta relixioso cunha visión na que o autor, recoñece, “non coincido”, pero que non podía esquecer no seu alfabeto cabanillesco porque “era un home fondamente crente e é unha parte esencial súa”, explica. Se algo lle quedou claro ao literato tras repasar todo o seu legado e que “hai moitos Cabanillas e incluso contraditorios, propios de ter unha vida tan longa na que o pensamento tamén vai mudando e iso tamén fai que sexa un poeta vivo”.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/o-salnes/reportaje-caride-cabanillas-dous-ramons-mesma-esencia-poetica/20190611234955242402.html


© 2019 Diario de Arousa