Domingo 26.05.2019

As axudas a autónomos e pemes impulsan a creación de postos de traballo e empresas

Con estas medidas apóiase o inicio de actividade e a consolidación dos traballadores por conta propia

O Toluca Mexican Bar púxose en marcha o pasado ano e contou con axudas para o emprendemento  | mónica arcay

A posta en marcha dunha empresa ou unha actividade emprendedora vén cargada, case a partes iguais, pola ilusión e a incerteza. A ilusión configúrase como o motor que activa a iniciativa por parte de autónomos e empresarios de pequenas e medianas empresas, mentres que a incerteza é a que marca a necesidade dun financiamento inicial que permita o despegue do traballo. Precisamente, para axudar a que esta incerteza se minimice o máis posible, a Xunta de Galicia leva posto en marcha liñas de axudas especializadas en autonómos e emprendedores que lles permiten obter un investimento inicial extra para poderen poñer en marcha os seus negocios. 


De feito, durante este ano, a Xunta está a apoiar ao sector con máis de 14 millóns de euros, que se destinan a que os emprendedores e os traballadores por contra propia poidan, tanto iniciar as súas actividades, como consolidar os postos de emprego. Grazas a este plan, preténdese beneficiar a 4.400 autónomos e impulsar 535 pequenas empresas de nova creación ou cualificadas como iniciativas empresariais de base tecnolóxica. 

Trinta ordes
Estas dúas liñas encádranse nas trinta ordes que a Administración autonómica está a convocar durante o primeiro trimestre desde ano 2019, todas elas sumando máis de cen millóns de euros no apoio de autónomos, empresarios, comerciantes e desempregados, con contías que, nalgúns casos, se incrementan nun 25% no caso de mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos, persoas trans e empresas situadas no medio rural galego.

“É moi sinxelo pedilas, fíxeno eu soa sen acudir a unha asesoría”, di Leticia Jiménez, de Quiero un abuelo


Unha das persoas que xa puido desfrutar dos beneficios destas liñas de financiamento impulsadas pola Xunta é José Novo Iglesias, promotor de Toluca Hostelería, un establecemento coruñés –situado na rúa da Xustiza, número 11– especializado en gastronomía mexicana, que leva só en marcha seis meses, pero que puido botar a andar grazas, entre outros, ao investimento logrado a través das axudas da Xunta para emprendedores. 


No seu caso, comenta José Novo, coñeceron da existencia destes apoios a través do Igape, onde o informaron e tivo coñecemento de que “encaixaba no perfil”. Así, Novo valora tamén o nivel de asesoramento logrado a través da Administración autonómica que foi capaz de guialo cara as mellores liñas que se adecuaban á súa situación e ao negocio que estaba a poñer en marcha. 

Autónomos
Así, as liñas coas que a Consellería de Economía, Emprego e Industria busca apoiar aos traballadores por conta propia e os emprendedores que poñen en marcha ou queren afortalar as súas empresas, varían en función da situación de quen as pida, de xeito que se adecúan a moitos requisitos e criterios.

“Son unha ferramenta fundamental para desenvolver oemprendemento”, explica José Novo, de Toluca Hostelería


No que atinxe ás axudas para os autónomos, o primeiro dos programas que está na actualidade en marcha ten o 30 de setembro como final do prazo de presentación de solicitudes. Nel inclúense dous tipos de iniciativas. Dun lado están os incentivos para apoiar o inicio de actividade de 3.800 autónomos cun investimento de 10 millóns de euros e, do outro, aparecen as axudas para que os emprendedores poidan contratar a 240 traballadores indefinidos en 120 empresas, que ten como orzamento 1,35 millóns de euros.


Así, no caso das axudas ao emprego dos autónomos, dáse unha axuda de 2.000 euros, que se pode duplicar ata chegar aos 4.000 no caso dos menores de 30 anos, os parados de longa duración, as persoas con capacidades diferentes e as que estean en risco de exclusión social.
Con estas axudas, o departamento económico da Xunta busca facilitar e axilizar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais financiando as altas na Seguridade Social ou en mutualidades de colexio profesional que,  cumprindo os requisitos da convocatoria, se formalicen entre os 1 de outubro de 2018 e o 30 de setembro de 2019. Ademais, para facer máis doado o acceso a estas axudas, non se esixe un investimento inicial por parte do autónomo ou emprendedor para recibir esta axuda. 

Facilidade de xestión
Precisamente a facilidade de obter a axuda é unha das cousas que máis destaca José Novo, de Toluca, sobre os programas da Consellería. “A presentación da documentación é áxil e rápida. E o mesmo no caso do estudo e da concesión e logo ao recibir a subvención”, comenta. De feito, o hosteleiro destaca que pediu o apoio en xullo, ao abrir o seu negocio, que cara os meses de outubro ou novembro recibiu a resposta positiva por parte da Xunta e que xa en decembro tiña ingresado o montante económico co que foi beneficiada a súa iniciativa empresarial. 


Da mesma opinión é Leticia Jiménez, impulsora de Quiero un abuelo, unha iniciativa pioneira baseada nunha páxina web que pon en contacto persoas maiores e familias para que os primeiros poidan ser avós (e avoas) nas segundas, unindo a quen busca levar o seu cariño a outros e a familias con nenos pequenos que non teñen a sorte de poder contar cos seus avós preto.


No caso desta empresaria radicada en Narón –que ademais de recibir as axudas tamén contou co asesoramento do coworking de Ferrol–, o apoio foi solicitado cando a empresa xa levaba un tempo en marcha. Desde xeito, Leticia Jiménez pediu unha axuda para o fomento do emprego autónomo a principios do ano pasado, cando a páxina web (https://quierounabuelo.es/) levaba xa preto dun ano en funcionamento, co fin de impulsar a súa continuidade. 


“Foi bastante sinxelo de pedir, de feito fíxeno eu soa, nin sequera me fixo falta acudir a unha asesoría para presentar a documentación”, comenta Leticia Jiménez, que tamén asegura que os requisitos esixidos polas axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria lle resultaron máis asequibles que noutro tipo de apoios aos que tiña acudido anteriormente.


De feito, José Novo reitera a súa satisfacción con estes programas autonómicos, ata o punto de que di que “recomendaría a calquera” que se informara para poder optar a eles. “Obviamente, hai que cumprir unha serie de requisitos, pero é que estas axudas constitúen unha ferramenta fundamental para desenvolver o emprendemento”, sentencia o hosteleiro coruñés.


Ademais de fomentar o ­autoemprego, a Xunta tamén aposta polo impulso da contratación indefinida, financiando con 3.000 euros o primeiro traballador cando se trate dunha persoa desempregada, unha contía que se incrementa ata os 5.000 se o contrato é para un parado de longa duración, unha persoa con diferentes capacidades ou en risco de exclusión social. No caso das contratación dun segundo e un terceiro empregado, o emprendedor recibirá 5.000 euros no caso de parados e 7.000 nos casos dos colectivos prioritarios. Conforma, deste xeito, a Administración galega un programa co que os autónomos poden lograr entre 2.000 e 15.750 euros. 

Consolidación e tecnoloxía
Canda as axudas dedicadas aos autónomos, a Consellería ten tamén en marcha un programa que busca tanto a consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación –que ten un orzamento de 2,2 millóns de euros destinado a apoiar 350 traballadores e 400 empresas e que ten un prazo de solicitude aberto ata o vindeiro 31 de xullo– como os incentivos para as empresas que se cualifican como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), que conta con 400.000 euros a destinar a 30 personas de 15 empresas e cuxo prazo de presentación se extende ata o 30 de setembro.


No primeiro dos casos, a Xunta apoia a estabilidade no emprego con axudas por posto creado que van dos 2.000 aos 9.000 euros (cun máximo de 10 empregos) e con axudas en materia de formación, que teñen un orzamento máximo por empresa de 3.000 euros. Ademais, tamén se apoian os primeiros gastos no inicio da actividade como os honorarios do rexistrador e do notario, a compra de mercadorías, o arrendamento do local, a maquinaria e os equipamentos informáticos e os gastos publicitarios ou da posta en marcha da páxina web. 


Neste caso, as achegas do programa autonómico de fomento empresarial establécense entre 2.000 e 9.000 euros por emprego ata un máximo de dez. Por último, o plan conta con axudas para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos promotores da compañía, de xeito que se financia o custo das escolas infantís para os fillos menores de tres anos cun máximo de 3.000 euros. A axuda máxima acada os 186.000 euros.


No que se refire ás iniciativas empresariais de base tecnolóxica, estas teñen a vista posta na dinamización da actividade emprendedora da comunidade universitaria de cara a aproveitar o potencial empresarial dos investigadores que teñen amplos coñecementos sobre novas tecnoloxías.


A través destas, impúlsase a transformación dos coñecementos que se crean nas universidades e nos centros de investigación para levalos cara proxectos xeradores de riqueza e emprego, fomentando o espírito innovador e emprendedor de investigadores e titulados universitarios de calquera área, xa sexa científica, técnica ou humanística.


Así, as axudas da Xunta benefician a empresas e autónomos que teñan un proxecto empresarial que fora cualificado como de base tecnolóxica. A eles subvenciónanselles a creación de emprego estable mediante a contratación de persoal técnico de alta cualificación para a posta en marcha do seu proxecto empresarial, cunha axuda que pode chegar ata os 64.500 euros.

As axudas a autónomos e pemes impulsan a creación de postos de traballo e empresas
Comentarios