Jueves 15.11.2018

O parque do Cemiterio

Escribo este artigo sabendo que o poder de decisión sobre proxectos que se están a fraguar en Sanxenxo non esta nas miñas mans.

Escribo este artigo sabendo que o poder de decisión sobre proxectos que se están a fraguar en Sanxenxo non esta nas miñas mans, pero coa firme intención de facer reflexionar sobre o sentir que un en especial me provoca o parque da Panadeira, o parque que para min sempre foi o parque do Cemiterio.
O parque do Cemiterio foi o espazo que mellor pode representar na miña infancia a felicidade, o espazo onde se forxaron as grandes amizades, amizades que hoxe en dia seguen a ser centro da miña vida, se forxaron as risas que uniron pandillas enteiras de nenas e nenos, onde xogabamos nos columpios a lanzarnos polo aire e caer o mais lonxe posible na suave area que daquelas cubría o chan, onde tanto xogabamos o brilé, coma o pano, ou saltabamos polas rochas, as cales cada unha tiña o seu nome, a Balea, a Tartaruga...
Saltando nesas rochas descubrimos lápidas con inscricións que inda hoxe persisten os embites da mar, buscamos tesouros en forma de cristais tallados polas ondas, ou cunchas que semellaban partes dun colar...todo iso era o parque.
Pero inda era mais, era o espazo das confidencias infantís o primeiro, de sentires despois, das cancións e bailes, era o espazo onde non sabíamos a hora ata que as campás da Igrexa nova recordábanos que tiñamos que volver a casa, era a liberdade, era o sentimento de pertenza, era o lugar onda iamos a sabendas de que sempre ía haber alguén... de verdade era un lugar que merecía a pena.
Coa madurez non deixei de acudir a este parque pola paz que sempre me transmitiu, eses bancos orientados de tal xeito que aqueles que os usamos somentes podemos ser totalmente consciente da sorte que temos de vivir en Sanxenxo, esas palmeiras que nos lembran que e un espazo elixido polo clima, esa soidade que che permite respirar ata o mais profundo sabendo que ise e un anaco da túa vida.
Cando souben que se vai reformar o parque da Panadeira,...o do Cemiterio...o parque da miña infancia e de moitos dos meus amigos e amigas, sentín unha desazón moi fonda...dixéronme que as arbores están enfermas...que se van a facer pistas deportivas...e eu sinto coma se vai a desdibuxar un dos recordos mais importantes da miña vida.
Gustaríame ser capaz de transmitir que entendo que ese parque si debe ser modificado nalgunhas cousas, que a vida trocou, e que son tempos distintos e necesidades distintas....pero creo que este parque ten unha esencia distinta o resto de espazos de ocio infantil, polo seu emprazamento, pola súa dimensión, porque esta nun enclave central de Sanxenxo...eu non vexo alí pistas deportivas, vexo nenas e nenos xogando nun parque urbano acompañados polos seus maiores, un parque que semella as antigas prazas de pobo, baixo as sombras das árbores e cunhas vistas idílicas.
Sei que non teño poder de decisión....polo que pídolles a aqueles que si o teñen que pensen que é o parque para a veciñanza, e si de verdade queremos un parque sen arbores, con pistas deportivas, ou se queremos un parque amigable con arbores, bancos, espazos comúns de integración onde as nenas e nenos sintan ese espazo de verdade seu.
Deséxolles acerto, moito acerto, porque xa quedan moi poucos espazos neste Concello que de verdade sexan respectados na súa esencia tal e coma os sinte a súa veciñanza, acerto dende o sentir.

O parque do Cemiterio
Comentarios