REXURDIR

Non quixera rematar este espazo que amablemente me brindou Diario de Arousa cada xoves sen facer referencia nel ó club que máis afectivamente me preocupa, ó que máis me sinto ligado sentimentalmente, o único do que son socio dende hai máis de vintecinco anos de xeito ininterrumpido. Por iso, chegado o tempo de despedir agradecido esta sección, para iniciar outros proxectos vitais, quero adicar unhas letras ó momento de dificultade histórica que vive o noso Club Juventud Cambados.
Nesta época de confusa interpretación da liberdade parece que esquecemos que hai un feito determinante nas nosas vidas que non temos a posibilidade de escoller: o lugar onde nacemos. Eu nacín en Cambados, e ate o día de hoxe sempre tiven que agradecerlle a Deus este  privilexio, a posibilidade de experimentar, en cada sístole, en cada diástole, o fervor por pertencer a unha terra de raizame insuperable.
Unha das causas que máis me elevan ese fervor, dende rapaz, é o Club Juventud; a cor amarela da súa camisola, ou a fermosura irrepetible da silueta desa dorna (escorada, case á deriva, surcando o mar semellando acariciada por un soleado horizonte balompédico) do seu escudo, sempre produxeron en min o máxico efecto dunha hipnose na que quedaba esquecida toda vontade persoal e sometida esta ás necesidades do club ó que sempre que puiden tratei de axudar. Cando sentín, fruto dunha razoada autocrítica, que podería supoñer un estorbo a miña presenza máis alá da mera condición de socio, din por concluída a miña etapa de responsabilidades deportivas e, arrimándome a un lado, como agora fai acertadamente a actual xunta directiva coas súas responsabilidades de xestión, dexei paso a ideas frescas con ímpetos renovados. Por desgraza nin a frescura nin a renovación foron suficientes para evitar que a traxectoria da nosa querida e histórica entidade fose descendente dende entón, ó mellor por que tamén faltaron ideas e ímpetos, pero o verdadeiramente importante é que, polo que teño escoitado e polas informacións que me chegan, o Club Juventud Cambados segue a estar moi vivo e pronto escomenzará unha etapa nova.
Nada me fai sentir máis ledo que ter a posibilidade de seguir ligado afectiva e socialmente a unha parte da miña vida que considero irrenunciable, e na miña condición de socio antigo (son o número dez), que non vello, síntome no dereito, e case na obriga moral, de lembrar que moito antes de que se cometera o pecado orixinal causante de tódolos males que aínda hoxe se arrastran, en Cambados xa vivíramos moitos anos de paraíso futbolístico.
Cómpre destacar aquí, onde convén facelo, con especial agarimo, aquel outono de 1979 vivido coa lóxica paixón dun meniño pequeno, cando disputamos dúas roldas da Copa del Rey e o, xa por entón, vetusto pero heroico Campo da Mercé se ateigaba dun común sentimento. Eran outros tempos, certamente, daquela non existían os adiantos de hoxe, e estreábamos liberdade e igualdade, pero sobre todo non esquecíamos a fraternidade, seguramente por que non sufríamos o acomodamento actual, ese que fai que algúns grumetes aspirantes a oficiais de bitácora, in situ ou na distancia, teimen en entreterse coa mofa ou a insidia infames supurando polos teclados o resentimento social que padecen. Que bo sería para todos que ese talento mal encouzado o enfocasen de verdade a promover proxectos comúns, dos que presumen ser tan partidarios, por que estou seguro que si non se acribillase a críticas maliciosas ós que queren camiñar pola vida sen rencor, respetando a dignidade dos que pensan diferente, habería máis persoas capaces dun desinteresado compromiso para o rexurdimento do club dun pobo que, pola grandeza da súa historia e a fidelidade da súa xente, realmente o merece.

 

REXURDIR

Te puede interesar