Carta a Luís Rey

Camarada: non sei ben por onde andas, pero sí sei que estás de parola con Manolo Lueiro, Cabanillas, Pepe Conde Corbal, Xoán Fuentes Castro, Roberto Vidal Bolaño, Ernesto Goday e Xoán González Millán, arranxando o mundo. Ese café algo machista, ula a paridade de xénero? compartido nas nubes, débeche sentar coma auga con limón neste vran quente de máis. Ás veces subo ata a Siradella por ver se vos escoito falar, pero nada! nin con calma chicha son quen de pillarvos na onda meca.
Dende que marchaches, hai agora un ano, pasaron unha chea de cousas, moi ben o ías pasar co disparate no que se converteu a política dos partidos de poder, agora seica son catro, con dous novos xermolos nacidos por xeración espontánea dos atribulados de sempre. Dos nosos, qué lle queres!, outra vez todos metidos no frasquiño das máis puras esencias!
Polo Grove e Cambados, case o de sempre, Makoki, predicando no Carreiro; Pepe Gondar, veu aos baños e vese moito paseando polo Corgo, Manolo Mascato e Alfredo Paraugas procurando curaren a túa ausencia con treixadura e Jose Vaamonde exercendo de teu alumno avanzado, este mes levou a Manolo Vilariño ao Torrado. Paco de Xenxa fixo de Cunqueiro e largoulle un precioso pregón no albariño, a Moncho non hai día que non lle acordes, pola banda de Cantodorxo, ou pola da Barrosa; mentres Emilio xa se atreve a fuchicar nos teus papeis para resolver os choios que lle deixaches encargados. O cuatripartito vai indo, a modo, pero vai, con Fátima e Víctor emparellados, e Xurxo e Tino de padriños do casamento, o outro ao seu; e Jose Cacabelos aí anda apurando a segunda oportunidade que lle tocou na padrea. Das oposicións nada se sabe, ai, amigo alá foron aqueles tempos nos que non se lle daba respiro ao poder! Puxéronlle a placa á Biblioteca Luís Rei, alí na casa dos Fraga, e outras no itinerario Cabanillas que deixaches definido. Do resto dos proxectos, aqueles que teñen que ver contigo... todos parados, seica hai que recortar aínda máis, pero non te apures que a Lueiro levoulle cen anos que o fixeran fillo predilecto, pero fixérono! Sí, xa sei que tí non queres iso, tranquilo. Sariña, Sabela, Rosa e Esther, cara fóra, vense ben, pero xa sabes que as emocións fondas viaxan sempre polo interior, nunca van pola costeira. Si, xa che fixen algúns dos recados que me mandaches, non todos aínda, pero como non me meteches moita presa, pois aí andan ás voltas.
Se sabes algo novo de Juanita Mancaria, xa te deixaron ir vela actuar? non deixes de contárnolo; se ves a Chon Charlín fuxe del, que anda á procura de xente para facer unha comparsa; por certo non busques por aí a Fidel Castro, non colleu o tren a tempo, despistouse nun discurso de trinta e nove horas, e quedou en terra. O noso Beiras xa rematou o servizo militar, agora vai mandar que lle afinen o piano e dará concertos polas parroquias do Val da Mahía, que xa non che está para facer moitos quilómetros co de media cola ao lombo.  
Bueno amigo, cóidate e dalle recordos a tanta boa xente coa que andas en compaña.

Carta a Luís Rey

Te puede interesar