A bo tempo...incendios!!

A presenza sostida no tempo das altas temperaturas leva aparellada consigo o rexurdir dunha das lacras que asolan de xeito sistemático ás comarcas arousás: Os incendios forestais, como ten demostrado o lume xurdido en Dodro e que se extendeu cara Rianxo pondo en xaque, de novo, ao noso patrimonio natural.
O binomio “bo tempo-incendios forestais” repítese de xeito sistemático aínda que se poñan en marcha campañas divulgativas desde a administración para previr este tipo de desastres ecolóxicos. O novo modelo produtivo, ou máis ben de abandono, dos montes galegos estaría detrás deste problema que, irremediablemente, se repite ao longo dos últimos anos como si dun mantra se tratara.
De pouco sirven as brigadas de extinción de incendios cando partimos dun problema de base como é que os lumes débense apagar no inverno con políticas de reforestación axeitadas, medidas preventivas a base de limpezas sistemáticas dos distintos predios así como a limitación das especies pirófitas a espazos determinados e acotados adicados a sacar un determinado rendemento económico pero que non poñan en perigo o ecosistema e a biodiversidade forestal galega.
A tarefa é complicada e nela deben estar implicados tanto as administracións como os cidadáns, desde os propietarios dos montes de man común como os particulares que deben coordinar políticas forestais propias para acadar o obxectivo de minimizar ao máximo os efectos dos incendios no monte.
So así lograremos poñerlle coto a unha circunstancia que cada vez se está a volver máis perigosa pola reiteración nos lumes en zonas próximas á poboación causando situacións de especial dificultade non so na súa extinción senón polos daños (materiais e tamén humanos) que producen.
Aplicar medidas lexislativas sin aplicación práctica, pasando desde as administracións de maior rango ás de menor (sin poñer os medios materiais e económicos á súa disposición) a responsabilidade de poñer freo a esta situación non resulta, a priori, o método máis axeitado para obter os obxectivos perseguidos.
De nada serve pedir aos pequenos concellos que fagan labores de control, sanción e incluso execución das franxas de seguridade nos núcleos rurais se non se dispón de persoal nin de elementos suficientes para poder exercer esa función delegada por moito que figure nunha disposición publicada no DOG.
Temos que rachar con ese binomio maldito de “bo tempo-incendios forestais” porque se non estaremos abocados a vivir nunha eterna rutina como o rato que dá voltas nunha noria que o conduce a un proceso sin fin e sen saída, ou non?

A bo tempo...incendios!!

Te puede interesar