• Sábado, 22 de Septiembre de 2018

A min a Lexión...

Se hai alguén de quen me creo calquera cousa, por estrafalaria

Se hai alguén de quen me creo calquera cousa, por estrafalaria que pareza pero efectiva desde o punto de vista mediático, é do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida, un home que de tonto non ten un pelo e non é precisamente porque a calvicie lle vaia gañando, co paso dos anos, á batalla á súa cabeleira.
Con Gonzalo Durán poderase estar máis ou menos dacordo, pero o que non se pode negar é que é un auténtico personaxe da vida política e social da comarca do Salnés e de toda a Ría de Arousa. A última aparición pública foi a pasada fin de semana lucindo un “chapiri” auténtico, non deses que se mercan por internet ou cando un vai de viaxe a Ceuta ou Melilla, dos xenuinos, dos concedidos neste caso polos veteranos da Lexión Española.
O acto de imposición da gorra tivo lugar na explanada das Sinas, moi preto do albergue xuvenil que hai moitas décadas xa fora o lugar escollido polo Frente de Xuventudes para formar aos futuros membros da OJE e dos mozos que nos tempos de Franco prometían como guías do Movemento.
Se alguén na nosa comarca merece tal distinción, o “chapiri”, non me negarán que ese é Gonzalo Durán Hermida a quen, cando lle tocan os… puntos débiles non dubida en montar en cólera e invocar o mítico berro de: “a min a Lexión” e liarse a manta á cabeza e poñer patas arriba a tirios e troianos con tal de defende-los intereses que considera xustos do pobo de Vilanova, sexan ou non…
Se non que lle pregunten a Carmela Silva, a presidenta da Deputación de Pontevedra no “affaire” do auditorio de Vilanova ou aos dirixentes do seu partido ou da Xunta de Galicia cando tivo que defender a capa e espada as melloras en materia sanitaria no Hospital do Salnés.
A Gonzalo Durán pouco lle importou sempre a corrección política e o politicamente correcto. El, a peito descuberto, como un auténtico soldado da Lexión, caracterízase sempre por ir de frente e cara ao seu obxectivo sen pararse en barras nin ter en conta as consecuencias.
Hai quen di que, a Durán, cando lle dan esas “arroutadas” é mellor apartarse porque, ao igual que a cabra da Lexión, non lles estrane que calquera día acabe por se botar ao monte, ou non?