Alberto García, o Ave Fénix viquingo...

Eche ben certo que na política non hai nada escrito e que non se pode dar por morto a ningún dos actores protagonistas porque cando menos o esperas rexurden tal cual Ave Fénix. Para mostra un botón ou, mellor dito, como exemplo o alcalde de Catoira, Alberto García, que despois de mil e unha peripecias acaba de recuperar, in extremis, o sillón de mando no Concello viquingo.

Desde logo, Alberto García acaba de dar unha lección a propios e estraños de que “ata o rabo todo é touro” e que non se pode vende-la pel do oso antes de cazalo. Hai escasamente uns días ninguén daba un peso porque o veterano socialista volvese recupera-lo cetro de mando ao fronte da Corporación viquinga. Pois nada máis lonxe da realidade, o sillón do Concello das Torres do Oeste volve pertencer ao candidato que máis votos e apoios nas urnas recibiu que non é outro que o rexedor que ten máis de 30 anos de experiencia no cargo e, como soe dicirse, a experiencia é un grao…

Alberto García soubo mante-la calma e a paciencia e xogar tódolos tempos do partido, dosificando ata o final tódalas súas forzas e botando tódalas cartas das que dispoñía sen demasiados aspaventos nin estridencias… A posibilidade de perde-lo respaldo da dirección provincial do seu partido e incluso o “ruído de sables” dentro da agrupación local catoiresa non foron suficientes para que o veterano viquingo perdera a concentración nin deixara de ter no seu punto de mira o obxectivo de recupera-la Alcaldía, e así foi.

No “haber” de Alberto García, a sabedoría e a templanza no “debe” dos seus adversarios está a falla de entendemento e a imposibilidade de crerse unha alternativa a 30 anos de xestión do veterano viquingo. Así, no BNG pesou máis a carga de conciencia por chegar á Alcaldía cos votos do PPdeG que a oportunidade de demostrar o que levan anos dicindo, aquilo de que son a alternativa real a García.

No caso do PPdeG confluíron moitos factores que van desde a novidade de supera-la cuota dos dous concelleiros, xesta da que non gozaban desde hai tempo, ata a mocidade de Ivan Caamaño, o Terrible, vítima quizais da súa bisoñez, da súa candidez e boa fe, sinónimos en política dunha inxusta condea de morte que só pode ser indultada pola cidadanía nunhas futuras eleccións municipais, ou non?

Alberto García, o Ave Fénix viquingo...

Te puede interesar