Alea Jacta est...

Cando era mozo gustábame ir ao cine a ver películas de romanos. Unha das miñas preferidas era “Espartaco”, con Kirk Douglas, unha historia de sublevación de gladiadores e escravos contra un sistema tiránico sostido desde Roma e que tiña como fin dominar e tratar de civilizar ao mundo coñecido.
Na película trátanse moitos temas relacionados coas miserias humanas como a tiranía, a explotación, o desprezo pola vida, o sufrimento, a dignidade, a solidariedade e tamén a traizón, entre outras moitas.
Espartaco pasa boa parte da súa loita tentando convencer aos seus compañeiros, escravos libertos, da necesidade de organizar un novo mundo distinto, diferente, lonxano dos erros e das inxustizas do sistema imposto polos romanos. Kirk Douglas redobra a súa capacidade interpretativa para trasladarlle ao público unha imaxe baseada no esforzo denodado por contaxiar aos seus compañeiros de aventura das bondades que supón superar as diferencias individuais para, a través da unión, derrotar ao inimigo común.
Algo similar me pareceu albiscar cando estaba a ver o debate no que interviñan os catro candidatos con maiores posiblidades de acadar a presidencia do goberno. Especialmente, experimentei esa sensación cando Pedro Sánchez arremetía de xeito reiterado contra Unidos Podemos e o seu líder, Pablo Iglesias, susurraba querendo obviar aos micros, cunha voz de ultratumba, algo así: “no Pedro, no. A mí no. Yo no soy tu enemigo, es Rajoy”…
Pola contra, Pedro Sánchez, como si dun gladiador trasnoitado e desorientado se tratara, blandía a súa espada dialéctica contra o “populismo” de Pablo Iglesias con tanto desdén e desprezo por ter fracasado no seu derradeiro intento de acadar a investidura tra-lo 20-D que pouco lle faltou para acusalo de reencarnarse en Bruto e berrarlle aquela lacónica frase: “Ti tamén fillo meu…”
En fin, que o debate convertiuse nunha auténtica representación teatral do “panem et circensis” (pan e circo) onde os candidatos dedicáronse a regar os seus respectivos xardíns e conservar o máximo posible o seu electorado para chegar canto antes ao 26-X e ratificar nas urnas os designios das enquisas que falan dun reposicionamento a catro bandas duns resultados que estarán polarizados ou por un goberno do PP ou de Unidos Podemos actuando como “caesar” da contenda sobre a area dos pactos postelectorais o PSOE quen, co seu dedo sentenciador, indicará si inclina a sorte cara a esquerda ou a dereita, ou non?

Alea Jacta est...

Te puede interesar