Unha alianza Norte-Sur, recambio de Louzán

C  ando a nivel do Estado todas as miradas están postas en comprobar si Pedro Sánchez é quen de conformar unha opción de esquerdas para liderar o goberno de España para os vindeiros anos, na provincia de Pontevedra o partido que ten o maior número de afiliados comeza tamén un proceso de relevo na súa cúpula provincial.
O anuncio de Rafael Louzán de poñer fin a unha etapa que o levou a presidir o PPdeG na provincia de Pontevedra durante 16 anos abre unha nova perspectiva para a formación conservadora que terá no vindeiro 13 de marzo o seu “día D”.
Ninguén dubida de que Louzán deixa neste partido, e tamén na Deputación, unha impronta que perdurará no tempo, con claroscuros propios de calquera persoeiro que asuma durante tanto tempo unha responsabilidade tan importante, e incómoda, como a que el asumiu, cando tiña pouco máis de 30 anos enfrontándose incluso ao todopoderoso aparato de Xosé Cuíña, cuestión que nunca lle perdoou.
Agora a encrucillada está en determinar cal vai a ser o rumbo que tomará o PP desde a dirección provincial. Desde O Salnés xa comezan a facerse movementos para que unha comarca tan significativa como esta, en afiliados e tamén en votos (xa foi máis do que agora é), participe do relevo que dun xeito tutelado se tenta levar desde as estruturas do aparato que permanecen todavía activas, con Luis Serantes e Rocío de Sinde, como responsables de gardar as esencias durante o proceso congresual.
Por outra banda, esta é unha ocasión única para que o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, teña unha nova oportunidade para marcar territorio e reivindicar á provincia como o seu propio feudo sin demasiada contestación toda vez que non estamos nos mellores momentos do sindicato de alcaldes, un contrapoder fronte a Santiago que, na provincia de Pontevedra, ten unha tradición e que, con altibaixos, acompaña a esta formación política desde a súa constitución.
Así as cousas, parece que Santiago impulsaría a candidatura da alcaldesa de Marín, María Ramallo, quen encarnaría a opción dos do “birrete”, que terían entre os seus apoios en Vilagarcía a Marta Rodríguez Arias, a nova vicepresidenta do Parlamento galego. Nembargantes, como soe pasar, polo Salnés son máis partidarios dunha alianza Norte-Sur que tivera como peza de consenso a outra muller en ascenso como é a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, voceira do PPdeG na Deputación a cuio proxecto tentarían sumar ao outro novo valor en alza do PP, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, e ao incombustible Luis Aragunde, coa aquiescencia de Gonzalo Durán que din por aí que ultimamente, como o prixel, está en tódalas salsas, ou non? 

Unha alianza Norte-Sur, recambio de Louzán

Te puede interesar