Unha amiga no congreso...

Un dos políticos arousáns que se amosaban onte máis contentos coa elección de Ana Pastor como presidenta do Congreso dos Deputados era o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, que garda unha ancestral amizade coa ex ministra de Fomento. Contar entre os amigos coa terceira autoridade do Estado é motivo máis que suficiente para sentirse orgulloso, que non fachendoso.
Esta relación de hai moitos anos facía que, pese ás múltiples ocupacións que Ana Pastor tiña polo desempeño do seu cargo, moitas foran as ocasións en que acudía a Vilanova de Arousa para compartir un aperitivo con varios amigos de profesión, entre os que se atopaba Gonzalo Durán. De seguro que nesas tertulias de sobremesa, xunto a un bo albariño e disfrutando da vista e a brisa dunha praia vilanovesa, non faltaban os ánimos de polemizar do médico vilanovés sobre a necesidade de dar un xiro copernicano á política de austericidio levada a cabo polo goberno de Mariano Rajoy, do que formaba parte a propia Ana Pastor, e que provocou o pasado varapau electoral nas municipais e do que aínda se resinten os populares.
Non nos estrañaría que para as vindeiras celebracións do Día da Constitución e da xornada de portas abertas do Congreso non se estea organizando xa o fletamento de autobuses de vilanoveses que acudan este inverno á capital do Estado para percorrer as instalacións do Hemiciclo tendo como “cicerone” especial á presidenta Ana Pastor e como precursor da excursión ao propio alcalde Gonzalo Durán.
A elección da presidenta do Parlamento e da propia Mesa do Congreso vai despexando a incertidume sobre a futura conformación dun novo goberno que, a tenor do resultado destas votacións, dan maiores esperanzas a Mariano Rajoy para seguir ao fronte da Moncloa unindo vontades auspiciadas polos mercados internacionais e “o sentido de responsabilidade” que inspira a necesidade de defender os intereses comúns que son os que realmente, ao final, importan observando de xeito discreto como a solidariedade (desinteresada? Vai ser que non…) de dez deputados nacionalistas vencellados coa dereita (aínda que o voto é segredo, previsiblemente do PNV e CDC) acabaron por despexar o terreo aos candidatos do centro-dereita fronte aos da esquerda.
Esto recórdame a aquel relato que dicía que se metes nun salón a dez obreiros de diferentes países con dez empresarios doutros tantos estados ao final do día terás aos empresarios sentados a falar de negocios arredor dunha mesa e aos traballadores enfrascados nunha profunda discusión sobre fútbol ou outra circunstancia, ou non?

Unha amiga no congreso...

Te puede interesar