Amigos das persoas...

A existencia de organizacións non gubernamentais de carácter asistencial poñen de manifesto, alomenos, dúas cousas: Por unha banda o enorme potencial dunha sociedade solidaria e, por outra, o feito incontestable da desigualdade e o aumento da exclusión social na mesma. 
Algo similar sucede en Arousa da man da Fundación Amigos de Galicia, unha entidade senlleira que desde Vilagarcía espalla a súa solidariedade a toda a comunidade autónoma. Acaban de abrir unha oficina que ven a reforzar unha nova iniciativa asistencial especialmente dirixida a parados de longa duración, vítimas da violencia de xénero e mozos que non dan entrado no mercado laboral. De feito cifran en 326 persoas o número de desempregados que tiveron a oportunidade de atopar un traballo a través deste servizo que dirixen catro técnicas de emprego, dous avogados, un psicólogo e unha traballadora social.
Facer realidade aquel vello dito que reza: “si me das un peixe dasme de xantar un día, si me ensinas a pescar poderei comer tódala vida” acaba sendo unha realidade da man de Amigos de Galicia favorecendo a inserción laboral de persoas que pertencen a colectivos en serio risco de exclusión. Así, parados de longa duración, maiores de 45 anos, son algúns dos exemplos que precisan dunha atención especial por parte dos servizos de colocación para evitar que individuos na mellor etapa produtiva da súa vida se vexan alonxados, incomprensiblemente, do mercado laboral.
A Fundación Amigos de Galicia, que ten como presidente de honra ao empresario Ramiro Carregal e como director xeral a Xesús Busto, está a demostrar que se está a converter nunha ferramenta de intervención social axeitada para aportar desde a sociedade civil unha solución eficaz ante problemas concretos.
É unha mágoa que nunha sociedade avanzada como a nosa, que presume de ter un estado do benestar, se fíen este tipo de iniciativas ao sector da solidariedade civil en lugar de impulsar de xeito decidido e con medios públicos ferramentas que incidan dun xeito positivo na solución das demandas reais da sociedade.
Tamén é certo que desde os poderes públicos non se pode dar solución a todos e cada uno dos problemas individuais, pero deberíase atender as demandas obxectivas dunha sociedade onde o desemprego ou o emprego en precario seguen a ser dous dos problemas máis graves que padecemos, pese a que as novas tendencias mediáticas queiran facérnolas esquecer ou cando menos ocultar, ou non?

Amigos das persoas...

Te puede interesar