martes 20.08.2019

No amor e na guerra biolóxica...

Os sectores produtivos da comarca arousá son un exemplo a seguir nos seus respectivos eidos. Así, no terreo da acuicultura os nosos parques, de cultivo de ameixa e sobre todo o mexilloeiro, lideran os avances científicos en todo o mundo na mellora da calidade e da produtividade de especies para o consumo humano.

Pero tamén sucede o mesmo en materia vitivinícola. Recentemente acábanse de coñece-los resultados dunha iniciativa de loita biolóxica posta en marcha nos viñedos de Martín Códax a través dunha experiencia que conseguiu eliminar dun xeito “natural” a proliferación da praga da chamada “polilla do racimo” a través dunha técnica de “confusión sexual” que provoca que a través do espallamento de feromonas os machos deste insecto caian nun engado permanente e se evite a fecundación dos ovos postos polas femias.

Este sistema permite elimina-la aplicación de calquera outro tipo de métodos, como os químicos, que poden resultar menos convintes e comprometer o equilibrio e a harmonía medioambiental na produción vitivinícola.

Este proxecto foi levado a cabo a través da participación de científicos e estudiosos dos viñedos en varios países, especialmente Francia, o que dá unha boa idea da sinerxia creada a nivel internacional e da que forma parte activa e protagonista o sector vitinícola arousán.

Estamos ante un exemplo de aplicación da innovación e o coñecemento artellado dun xeito intelixente para combatir con métodos inocuos os efectos daninos dunha praga que cada ano ameaza á produtividade duns viñedos que teñen precisamente nunha produción moi limitada un dos seus principais problemas para abastecer tódalas posibilidades de mercado internacional que ano a ano se lle abren pola súa calidade e competitividade.

Con estes métodos de control das pragas estase apostando pola eliminación biolóxica dun inimigo do sector vitivinícola desde un plantexamento sostible e ecolóxico sen inxerencia de elementos químicos contaminantes que podan degradar, contaminar ou incidir negativamente na posterior elaboración do viño albariño. 

Asemade a implementación desta técnica é unha proba máis do alto nivel de profesionalización e capacitación que o sector vitivinícola atesoura na comarca do Salnés que o fai un dos máis punteiros non só a nivel nacional senón internacional. Avanzar pola vía da investigación, o desenrolo e a innovación (I+D+i) é o camiño seguro para garantir un futuro produtivo e de calidade para un sector tan estratéxico como o vitivinícola na comarca do Salnés, pioneira e punta de lanza en Galicia e no mundo, ou non?

No amor e na guerra biolóxica...
Comentarios