As andanzas vikingas de Iván o Terrible e Don García...

ltimamente a política arousá está marcada polas sorpresas e as “accións individuais” dos seus protagonistas que se caracterizan, ao parecer, por facer oídos xordos das indicacións das direccións provinciais das súas respectivas formacións políticas. Así, ademais do “affaire” sobre a elección de representantes na Mancomuidade do Salnés, protagonizado por Carlos Viéitez ao fronte da Alcaldía de Meaño e que lle costou a expulsión do Partido Popular, agora a sorpresa salta en Catoira cunha moción de censura, asinada “ao alimón” polo popular Iván Caamaño e o socialista Alberto García que tamén levanta bochas aos populares de Alfonso Rueda e aos socialistas de David Regades, que anuncian a apertura dos seus respectivos expedientes.
Sen querer entrar nas motivacións, nin nos méritos, duns e doutros o que si está claro é que a data escollida para presenta-la moción de censura ao nacionalista Xoán Castaño está a provocar un auténtico terremoto mediático-político por producirse a escasos días do inicio oficial da campaña electoral para as eleccións autonómicas onde precisamente esa alianza botaría por terra calquera esquema e estratexia previa trazada polos respectivos gurús e politólogos que dirixen os movementos na sombra dos principais partidos en liza.
Así, desde a órbita nacionalista un pacto entre PSOE e PP vese como unha traizón que dificulta a explicación dun máis que probable “entendemento postelectoral” na noite do 5 de abril si Núñez Feijóo non conseguira acadar a súa cuarta maioría absoluta e fora precisa a creación dun tripartito con socialistas e BNG como principais muñidores do acordo.
Por outra banda, como interpretarán os votantes do Partido Popular a xogada de Iván Caamaño, “Iván o Terrible”, azote da disciplina partidaria? Toda a súa campaña nas pasadas municiapais xirou en torno a criticar os 30 anos de goberno de Alberto García e erixiuse incluso como paladín aglutinador daqueles que querían apartar a toda costa ao socialista da Alcaldía vikinga despois de tres décadas de goberno. É máis, ese foi o argumento que utilizou ante aqueles que lle esixiron explicacións por colocar cos seus votos ao nacionalista Castaño na poltrona vikinga en detrimento do veterano rexedor socialista que, ao parecer, agora xa non é tan malo para os intereses de Catoira como hai seis meses se lle supuña e pregoaba aos catro ventos.
En fin, din que a política fai estranos compañeiros de cama. O que si é certo é que  cada vez resulta máis difícil entender a chamada “política de alianzas” onde uns se presentan ás eleccións dicindo que nunca, pero “nunca jamás de los jamases” pactarán cos outros e logo, “unha vez elixido, esquecido o prometido”. E si esto pasou en Madrid con Pedro Sánchez, ben pode suceder en Catoira con Ivan e Don García, ou non?

As andanzas vikingas de Iván o Terrible e Don García...

Te puede interesar