Ao verán, nin auga...

Os responsables en funcións da Mancomunidade do Salnés lanzaban estes días a voz de alarma ante o aumento das temperaturas e o consumo de auga por mor da multiplicación da poboación nos meses estivais a causa da chegada de turistas que fan que a depuradora e as infraestruturas hidráulicas dos concellos salinienses se coloquen en situación preventiva pola falla de líquido elemento.

As reflexións dos responsables van enfocadas cara ao cambio climático e á necesidade de dimensionar de novo as infraestruturas e o abastecemento de auga existente, replantexando novamente o vello proxecto de abastecer a cidades como Vilagarcía a través dun transvasamento desde o propio río Umia, xa sobreexplotado pola demanda acuífera que se presenta habitualmente por parte dos municipios que conforman a Mancomunidade.

Quizais habería que cambiar de plantexamento e extratexia e en lugar de pensar en atopar novas fontes de abastecemento habería que poñer en marcha iniciativas tendentes a mellora-la eficiencia das infraestruturas e as canalizacións existentes evitando as fugas e as perdas de auga desde o punto de captación ata a chegada do líquido elemento ata as nosas billas. Esto, sumado a unha nova concienciación cidadá sobre o uso responsable da auga como ben finito sería unha das cuestións que quizais habería que afrontar dun xeito claro e decidido.

Resulta chamativo que pensemos en facer novas e custosas obras de enxeñería para aumenta-lo subministro en lugar de mellora-los nosos costumes consumistas facendo que o uso responsable da auga nos convirta nunha comunidade modélica e podamos así rachar coa vella crenza en Galicia de que a auga sempre sobra e que sempre houbo e haberá de onde sacala. E si non é así? Non sería mellor seren quen de administrarnos mellor que buscar solucións extenuantes para os nosos sistemas hidrolóxicos?

A Xunta acaba de anunciar hai días a necesidade de promulgar unha nova normativa para previr situacións de seca e xeitos de actuar e mellora-la eficiencia nas canalizacións existentes. Non sería mellor apostar por aí e tentar reducir dun 40% a un 20% a media existente en Galicia de perda de abastecemento de auga desde a súa captación ata o seu punto final de consumo por mor das avarías e as fugas?

Desde logo como non incorporemos comportamentos de eficiencia e racionalidade sobre os nosos recursos naturais esteremos condeados a un futuro incerto máis propio de imaxes de películas catastrofistas como “Mad Max” que a conservar para as novas xeracións o ecosistema que herdamos e temos obriga de trasmitir aos nosos descendentes, ou non?

Ao verán, nin auga...

Te puede interesar