Aquarius, máis que unha bebida...

Desde que temos uso de razón, a historia do Mar Mediterráneo está chea de episodios protagonizados polo ser humano nos seus anceios por fuxir das súas miserias ou conquistar novos horizontes. Así, estes días salta ás primeiras páxinas dos xornais a odisea na que se está a convertir o incerto destino de 629 persoas inmigrantes que, a bordo do “Aquarius”, tratan de gaña-las portas de entrada a Europa, un “mundo mellor” afastado das guerras e das miserias que padecen.
Como si de auténticos argonautas gregos que tentaran conquistalo “vellocino de ouro” do miragre europeo, centos e milleiros de persoas arriscan as súas vidas para tentar acadar un futuro para si e as súas familias. Con este panorama de fondo atopamos ao “Aquarius” como protagonista dunha das moitas escenas dantescas e estremecedoras que se producen con demasiada asiduidade no Mediterráneo  e que dá boa mostra da auténtica foto fixa da Europa real que se está a construir onde países de dos chamados “desenvolvidos” e “civilizados” teñen un xeito de proceder que deixa ás claras a insensibilidade da nova xeración de políticos populistas que carecen do máis mínimo sentido de humanidade.
“Aquarius”, ademais de facernos pensar nunha bebida, evoca ao signo do zodíaco que fai referencia “á amizade, a sede espiritual, as fraternidades, o amor universal, o esforzo colectivo, o altruísmo, o  humanitarismo, o progreso, a tecnoloxía, a  cibernética, a aviación, a electrónica a medicina alternativa, a liberdade, a democracia, a solidariedade e a unión dos pobos”.
Pois, ao final, vai a ser vedade que os astros teñen moito que xogar na nosa vida a xulgar polo acontecido. O paso dado polo goberno de Sánchez de acoller no porto de Valencia a ese barco, declarado por Italia e Malta como “indesexables”, vai camiño de exteriorizar un desexo global da xente de ben que ve como unha auténtica inxustiza o que está a padecer esa xente.
Tampouco podemos deixar de lado que este feito tamén leva consigo unha porcentaxe importante de rendemento político a través dunha xogada mestra dos novos asesores de Sánchez que ven nesta acción unha oportunidade única para beneficiar ao mediático goberno dun golpe de efecto e de imaxe con proxección tanto nacional como internacional. Parece que no PP esto só o entende Núñez Feijóo, por eso será o mellor colocado para lideralo nun futuro inmediato…
Acoller o barco no porto de Valencia é unha solución a un problema humanitario puntual, pero non debemos esquecer a cuestión estrutural que representa a necesidade de que os países da Unión Europea cumpran cos seus compromisos de asilo e de solidariedade e contribúan a soluciona-lo difícil e espiñoso problema da emigración en orixe para evitar que casos como os do “Aquarius” se convirta nunha auténtica proba de forza para ver quen demostra máis insensibilidade ante os seus electores e quen se apiada das 629 ánimas que sin culpa ningunha corren o risco de perecer no mar, ou non?

Aquarius, máis que unha bebida...

Te puede interesar