Un Arousa Fest con acento luso

A ninguén se lle escapa que un dos nichos de mercado tradicional do sector turístico arousán é Portugal e, máis concretamente, a zona norte do país veciño. Unha das consecuencias claras dos efectos da crise económica nos últimos anos é precisamente a redución de visitantes procedentes do norte lusitano que agora se pretende recuperar a través do aproveitamento dun repunte que, segundo as previsións máis que optimistas, producirase nesta campaña de verán.
Así, a Deputación, que preside a socialista Carmela Silva, fixase como un dos obxectivos atraer de novo a un renacente turismo portugués cara a provincia a través da promoción dos Festivais Rías Baixas que teñen na comarca de Arousa un dos seus principais referentes coa celebración do Cutura Quente, en Caldas (24 e 25 de xuño), Atlantic Fest, na Illa de Arousa (entre o 1 e o 3 de xullo) e As Revenidas, en  Vilaxoán de Arousa (do 19 ao 21 de agosto).
A iniciativa vai ser promovida a través dun tren especial que unirá Vigo con Oporto e no que viaxarán touroperadores e xornalistas lusos adicados á información turística onde terán a oportunidade de probar, a modo de “petisco”, parte da creación musical do momento así como os tradicionais produtos galegos de calidade.
A idea de aglutinar baixo o paraugas promocional de “Festivais Rías Baixas” pode ser un bo xeito de potencialos, interrelacionalos e crear unhas importantes sinerxias entre as distintas administracións que colaboran e apoian estas manifestacións musicais do norte da Península que, dalgún xeito, deixarán de facer a guerra pola súa conta e abandonarán a incerteza organizativa ao contar cun patrocinador tan volcado e estable como a Deputación de Pontevedra.
A intención é colocar no panorama turístico musical galego-portugués e tamén español estes 7 festivais das Rías Baixas dos cales 3 celébranse desde hai anos, aínda que algún con diferentes nomes, na comarca de Arousa o que da boa conta da importancia que ten esta zona no panorama creativo e dinamizador non só do sector musical senón tamén turístico.
Deixar de agardar a que a montaña vaia a Mahoma parece un novo estilo de facelas cousas desde o organismo provincial no tocante á procura de conxugar esforzos entre a iniciativa privada e o pulo público para lograr un obxectivo común: Uns exitosos festivais e un novo aliciente para captar turismo xuvenil que tiña fixada a súa mira cara outros ambientes máis preto do Mar Mediterráneo, ou non?

Un Arousa Fest con acento luso

Te puede interesar