domingo 21.07.2019

O Arousa Fútbol 7, patrimonio vilagarcián

Un dos torneos máis senlleiros dos que se celebran na nosa comarca, como é o Arousa Fútbol 7, atópase sumido nun momento de incertidume que pode provocar a súa marcha definitiva da cidade de Vilagarcía, lugar onde naceu hai máis de dúas décadas e que representa un auténtico escaparate turístico-deportivo para a Perla de Arousa.
Sin querer entrar en profundidade, por descoñecemento directo real das causas e razóns dos protagonistas implicados neste rifirafe, atrévome a dicir que, de producirse a súa marcha a Sanxenxo (ou calquera outro lugar), sería unha moi mala noticia para o deporte de base e para os intereses mediáticos vilagarciáns.
Sempre que puden e desde a miña modestia posición persoal e profesional, colaborei cos membros da organización do AF7 que, como lle pasa a todo o mundo, con acertos e erros foron quen de poñer no mapa internacional unha competición pola que pasaron equipos do máis alto nivel do fútbol mundial, creo que de tódolos continentes, e iso é un orgullo para Vilagarcía.
Insisto, sin querer dar a imaxe de que me posiciono dun ou doutro lado do conflicto, si que me gustaría reflexionar sobre a importancia de tender pontes que posibiliten unha solución dialogada na que tódalas partes vexan cumpridas as súas mínimas espectativas para manter en Vilagarcía a celebración deste torneo.
Cando se organiza este tipo de eventos os condicionantes económicos son moitos e tamén os emocionais e sentimentais, sobre todo cando se realiza desde unha clara vocación altruísta aprol do fomento do deporte base e da imaxe exterior da nosa cidade, sen esquecer tampouco a importante repercusión económica que a celebración deste torneo, fóra da época estival, redunda no sector da hostalería local e comarcal.
As veces, aínda que os obxectivos sexan comúns entre ámbalas dúas partes, suceden situacións paralelas ou comportamentos anexos que acaban por emponzoñar unha relación que debería ser cando menos fluída, cando non colaborativa, para maior gloria dos promotores e do propio Concello como institución administrativa anfitriona sabedora da relevancia deste tipo de eventos para a imaxe da cidade e a súa promoción exterior.
En fin, que creo que neste tema seguro que hai razóns de sobra en ámbalas dúas partes para amosarse molestos, pero penso que hai todavía moitísimas máis que impedirían que un posicionamento, que neste momento parece irreconciliable, acabe converténdose nunha anécdota para lembrar con certo humor. Ademais xa se xabe que os amores reñidos son os máis queridos, ou non?

O Arousa Fútbol 7, patrimonio vilagarcián
Comentarios