Arousa e o inconsciente colectivo…

a tarde desta semana na que estaba a maquinar sobre a realización deste artigo, non me saían do meu maxín tres palabras que me foron acompañando durante a miña reflexión previa a sentarme diante do ordenador para escribir a miña columna semanal no noso Diario: Arousa, inconsciente e colectivo…
A verdade é que si analizamos cada unha delas por separado podemos desarrollar mil e unha ideas asociadas a cadanseu significado, pero si os xuntamos nunha mesma frase evócanos a teoría decimonónica do piscólogo suizo Carl Gustav Jung, freudiano nas súas orixes pero que despois decidiu emprender un camiño en solitario na procura do descubrimento máis profundo da mente humana, que falaba do comportamento individual e colectivo dunha sociedade determinada.
Traio isto a colación dos últimos episodios vividos na nosa comarca por mor da entrada da nosa Comunidade Autónoma na Fase 1 da ansiada desescalada e que permite a nosa presenza “ordenada” en terrazas, paseos por espazos públicos, etc. onde podemos ver como a medida que avanza o tempo a xente colle unha maior e falsa confianza de autoinmunidade ante unha enfermidade temida pero que, coa baixada da súa letalidade, parecera que xa está erradicada e non ten marcha atrás cando, en realidade, os expertos en materia sanitaria falan con casi completa seguridade de procesos de rebrote e rexeración da presenza do Covid-19.
A “inconsciencia” demostrada nestes días, entendida como “estado ou situación da persoa que perdeu a consciencia ou facultade de recoñecer a realidade. Dito ou feito irreflexivos ou imprudentes”, tal e como se recolle no diccionario, vén a definir un comportamento e unha situación vivida nestes días (acompañados polo retorno do bo tempo) nas terrazas e  nos espazos públicos de convivencia, así como en senlleiros areais e praias da nosa Ría que nos fan pensar que seguimos actuando sin estar guiados polo sentido común, o menos común (válgame a redundancia) dos sentidos que posúe o ser humano.
Se non queremos desandar o andado e avanzar cara unha superación máis ou menos definitiva da presenza mortífera dun inimigo invisible, como é o Covid-19, teremos que aprender non so da nosa experiencia senón do que sucede en países que levan este proceso máis avanzado no tempo que o noso e dos que podemos extraer consecuencias de axeitada aplicación no noso comportamento diario facendo bo, unha vez máis, a aquel refrán que di “cando vexas as barbas do teu veciño cortar, pon as túas a remollar”, ou non?

Arousa e o inconsciente colectivo…

Te puede interesar