Arousa, laboratorio da reactivación económica

sociedade galega e española, en xeral, segue pendente dos pasos a seguir para unha desescalada no confinamento e na reapertura da actividade en todos e cada un doa sectores produtivos coa vista posta en coñecer o alcance real deste parón na capacidade de recuperación da tensión económica do país.
O Estado do Benestar, tensionado de por si polos servizos que ten que atender así como polos subsidios e pensións que nun momento normal ten que asumir, vese agora superado pola avalancha de ERTEs (moitos dos cales seguen sen ser aboados e para os que abriu unha liña de anticipos a Xunta de Galicia e as entidades bancarias) e de despedimentos que poñen o gasto público nun pico elevadísimo. As explicacións sobre as distintas etapas de desescalada están moi condicionadas á evolución da incidencia real do coronavirus na poboación e coa espada de Damocles sempre presente de ter que volver a un estado de confinamento e de parón económico indesexados por todos.
Á paciencia franciscana dos que cumpren a raxatáboa as medidas do confinamento únense as tensións de tesourería das familias, a incapacidade de resolve-los compromisos adquiridos por parte dos autónomos e a insuficiencia do crédito como medida paliativa dunha situación que vai camiño de se converter na crise máis grave do que levamos de século, en tódolos sentidos.
Con este panorama sobre a mesa, o sector marisqueiro arousán comeza a despertar deste letargo obrigado mobilizando a un milleiro de persoas que teñen na actividade recolectora mariña unha das súas principais fontes de ingresos e que, a modo experimental, están servindo de modelo de observación da reentrada na actividade económica.
A experiencia non parece negativa nin desde o punto de vista sanitario nin dos resultados económicos posto que, ao parecer, os prezos acadados e o material aportado ás lonxas de referencia arousás son o suficientemente interesantes como para manter activa esta actividade, aínda que sexa por partes, e con distintos segmentos extractivos como protagonistas da reentrada. Novamente o sector do mar, e máis concretamente o marisqueiro, é exemplo de profesionalidade e de modelo organizativo a seguir. Agora esperemos que o resto da cadea comercializadora acompañe esta circunstancia e o público responda tamén dun xeito positivo a este esforzo que está realizando o conxunto da sociedade para acadar canto antes unha velocidade de cruceiro que nos permita recupera-lo perdido, que moitos cifran xa entre o 6 e o 18% do PIB, ou non?

Arousa, laboratorio da reactivación económica

Te puede interesar