Arousa e os panos brancos contra a droga...

Pese a que moitos pensen que en Arousa somos vítimas dunha especie de “síndrome de Estocolmo” no que ao narcotráfico e ás drogas se refire, sobre todo despois do éxito mediático da serie “Fariña”, teño que dicir que a conciencia cidadá contra esta lacra social non é que estivera sempre presente no acervo colectivo da sociedade arousá senón que o seu rexeitamento activo vai en paulatino aumento.
Proba do que digo son os actos que a sociedade civil arousá organiza periódicamente, liderada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico, e que ten na campaña “Panos Brancos” a súa orixe dinamizadora. Aínda que inicialmente esta actividade tivo a Vilagarcía como punto neurálxico, hoxendía o protagonismo dos pobos vai rotando como sinal inequívoco de que o rexeitamento ao narcotráfico é total e unísono en todos e cada un dos pobos, vilas e cidades que compoñen a comarca de Arousa.
Onte este sentimento claro de reprobación pública foi escenificado en sendos actos que se desenvolveron en dúas cidades irmandadas contra a desgracia do narcotráfico como son Vilanova de Arousa, coas actividades promovidas pola Fundación Galega a través da campaña “Panos Brancos contra a droga” e Cambados, que acolleu no seu Auditorio Municipal un foro de debate de alto nivel polos ponentes e asistentes ao mesmo, promovido por DIARIO DE AROUSA no Día Internacional contra a Droga.
Lémbrome da primeira edición de “Panos Brancos contra a Droga”, impulsada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico e liderada polo admirado compañeiro de Radio Arosa, Felipe Suárez. Aquel evento, celebrado en Vilagarcía de Arousa, tivo o seu apoxeo nunha macromanifestación na que tiven a honra de participar portando durante parte do traxecto o estandarte que daba orixe á protesta. Naquela ocasión eu representaba aos medios de comunicación escritos mentras que o insigne Xosé Ramón Gayoso o facía en nome dos audiovisuais.
Fora unha mobilización histórica que, pese ao paso do tempo, sigo conservando con orgullo na miña memoria e lembro como a xente adornaba xanelas e balcóns con panos brancos e axitaba ao paso da comitiva reivindicativa todo tipo de prendas albinas para amosar un cívico rexeitamento civil ao mundo do narcotráfico.
Hoxendía vexo con satisfacción como a Fundación que preside o meu amigo Manuel Antonio Couceiro Cachaldora segue a ser azoute de conciencias ante un problema que non deixa de mutar e ameazar o noso futuro en forma de atentado silencioso contra a nosa mocidade. A información, cultura, formación e “tolerancia cero” contra este fenómeno son os nosos auténticos antídotos, ou non?

Arousa e os panos brancos contra a droga...

Te puede interesar