Arousa perde o seu tren...

Cando miramos cara Europa, non lles parece que moitas veces en Galicia, e no Estado Español, imos co paso cambiado? Moitas son as directivas, os consellos e as mensaxes emitidos desde organismos europes que falan da necesidade de vertebrar o territorio, utilizar o transporte público e humanizar o hábitat no que vivimos non só por cuestións de aforro enerxético senón tamén económico e como xeito de mellorar a nosa calidade de vida.
Fronte a esto, en Galicia renegamos do noso e abrazamos dun xeito mal entendido conceptos como a mobilidade, o progreso e a vertebración do territorio. Así, por exemplo, para nós resulta máis importante enlazar, a calquera prezo, Vilagarcía con Madrid ou Barcelona, a través dos trens de alta velocidade, que favorecer a mobilidade da xente en torno ao noso “hinterland”, unha palabrexa que ben a significar a nosa bisbarra ou a nosa contorna, en definitiva, a nosa zona natural de influencia.
Dentro deste concepto do progreso mal entendido asistimos impasibles ao desmantelamento paulatino da rede de cercanías eliminando frecuencias de trens ou poñendo en marcha combinacións absurdas que fan imposible o uso deste medio de locomoción para enlazar diversas localidades da comarcas do Salnés ou do Barbanza e que os usuarios podan acudir ao seu posto de traballo ou facer as compras do día no comercio local, como se viña facendo noutros tempos.
Agora o progreso viaxa a lombos dun cabalo de ferro que circula a velocidade endiañada, que pasa como unha exalación polas distintas localidades do seu percorrido sin posibilidade de abordalo e, menos aínda poder deter o seu avance inexorable cara ao absurdo. Como embobados, os veciños das localidades tradicionalmente ligadas ao ferrocarril, teranse que conformar con sacar o pano branco ao paso do AVE e dicir adeus como nunha das vellas películas do cine español dos anos 50, sin opoñerse, non vaia a ser que os acusen de “pailáns” contrarios ao progreso… de quen?
A modo de bálsamo adormecedor Renfe e Adif acceden a manter, polo momento, un tráfico ferroviario local absurdo e sen sentido co fin de que ninguén fale xa da supresión dos trens de cercanías, pero conscientes de que tal e como están deseñadas as liñas e as frecuencias non ten aproveitamento eficiente para un cidadán que se atreva a gastar os seus cartos nun bono mensual para desprazarse no cabalo de ferro... Moito saben os que fan a lei e tamén a trampa, ou non?

Arousa perde o seu tren...

Te puede interesar