lunes 27.01.2020

Arousa, potencia marisqueira mundial

Á hora de falar da Ría de Arousa a ninguén se lle escapa a necesidade de referirse ao mundo do mar tanto desde un punto de vista paisaxístico como económico. E precisamente neste aspecto hai que diversificar toda unha serie de recursos que nutren o noso Produto Interior Bruto (PIB) e que ven marcado pola actividade extractiva, tanto pesqueira como marisqueira, ou tamén turística, enolóxica e comercial. En menor medida hai que citar á actividade industrial que se desenvolve nos distintos polígonos existentes na zona salientando polo seu tamaño o do Salnés.

Pero a A Ría de Arousa é un referente específico da actividade extractiva tanto marisqueira como pesqueira de baixura, sendo a primeira unha actividade fundamental na economía doméstica e tamén no aporte ao PIB da nosa comarca.

Así, as cifras falan ás claras de que a ría de Arousa aglutina máis do 44% dos Pérmex (permiso de explotación) existentes en Galicia adicados ao marisqueiro o que dá boa idea da importancia que esta actividade extractiva ten para a economía de moitas familias e tamén da propia comarca.

Históricamente a actividade extractiva viña representando unha vía de ingresos alternativa e complementaria para a economía de moitas familias arousás en épocas especialmente duras e agora, con estes datos, confírmase que tamén é unha realidade cun peso específico importante dentro do panorama produtivo do nosa bisbarra, froito sobre todo do esforzo das mulleres que durante anos foron facendo desta actividade un modo de vida profesionalizándoo e avanzando na lexislación sobre o mesmo para protexer un recurso que dá de comer a moitas familias.

A ninguén se lle escapa que o camiño foi duro e complicado ata conseguir concienciar a este complexo e variado colectivo da necesidade de ordenar un labor extractivo co suficiente coidado e prevención para converter esta actividade nunha vía sostible e servir de aporte económico rendible e constante ao conxunto de persoas que, ben a pé ou a flote, son referente mundial á hora de lograr dunha materia prima un rendemento tan importante.

Arousa é exemplo de moitos logros partindo da excelencia das súas materias primas e do tesón das súas xentes. Ver como dunha actividade primaria se acaba xerando toda unha economía sostible amosa o grande potencial e a capacidade de transformación que ofrece a nosa ría para contribuir a un futuro prometedor en harmonía co medio ambiente, ou non?

Arousa, potencia marisqueira mundial
Comentarios