Arousa ante o reto de salvar as festas

proximidade dunha nova prórroga do Estado de Alarma, que con toda probabilidade se aprobará no Congreso dos Deputados na xornada de hoxe, deixa para a vindeira semana a posibilidade de que Galicia e outras comunidades autónomas entren na Fase 3 da desescalada como preámbulo do que se supón será xa a recta final para volver á “nova normalidade” en temporada alta do verán con presenza de guiris tanto nacionais (os máis) como estranxeiros (este ano, os menos)…
Estando así as cousas, todo o mundo fía a sorte deste ano ao que resta da campaña de verán e non so me refiro ao ambiente nocturno, discotecas, zonas de pubs e demais senón tamén a todos aqueles que subsisten do turismo en todas e cada  unha das súas vertentes: gastronómicas, etnográficas, hoteleira, enoturísticas, de sol e praia, etc.
Chegados a este momento, cunha diminución paulatina e constante de casos de Covid-19 en España e, afortunadamente, ausencia prácticamente total de falecementos por causa do coronavirus, ábrese a esperanza a un verán que hai que exprimir ao máximo para salva-los mobles deste ano.
O que máis e o que menos agarda con ilusión a chegada dese turismo interior que ansía abandona-las grandes urbes e fuxir das habituais zonas masificadas do Mediterráneo e busca nas Rías Baixas unha oferta, a priori, máis saudabre e que pode satisfacer todos e cada unha das súas demandas: turismo de sol e praia, boa gastronomía, relativa masificación, turismo cultural, etnográfico, natural, de experiencia e, sobre todo, inesquecible.
Con estes bimbios, os responsables políticos de tódolos signos están xa pensando como van facer unha reconversión teórica dos distintos eventos gastronómicos e festivos para atopar a quinta esencia da festa sen poñer en perigo de xeito demasiado evidente as medidas de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias para evitar o máis que previsible repunte na época outonal e que despois non teñan que paga-lo prato das súas consecuencias...
Así, xa se están dando os primeiros pasos para reformula-la Festa do Mexillón de Vilanova, a Romaría Viquinga de Catoira e, como non, a mítica Festa do Albariño, das máis antigas de España e que ten que garantir aínda que sexa dun xeito descafeinado e suixénere a súa celebración. Porque, queiramos ou non, Galicia é sitio distinto e non se pode entender un verán sin os Carmes, o San Roque de Vilagarcía, o Desembarco Viquingo, a Guadalupe de Rianxo e o Albariño de Cambados, ou non?

Arousa ante o reto de salvar as festas

Te puede interesar