AROUSA CONTRA O TERRORISMO

De novo sonan as bombas e os gritos das vítimas tendidas no chan nunha estación de metro ou, como nesta ocasión, dun aeroporto. As rúas de Bruxelas tinguidas de sangue e o mundo enteiro enloitado por un feixe de mortes sen sentido e ducias de familias sumidas na desesperación pola perda de pais, nais, fillos ou netos… é unha fea estampa da que ninguén está libre desde que o conflicto “xihadista” decidiu dar o salto dos seus feudos tradicionais aos países do primeiro mundo.
Veñen á nosa mente os atentados do 11-S nos Estados Unidos, do 11-M en Madrid e tamén os recentes en París. Estamos de novo ante a cara do terrorismo “xihadista”, unha faciana sinistra que non aporta máis que horror e sufrimento aos conflitos longamente prolongados no tempo e que non conducen a ningunha parte agás a multiplicar as políticas do medo, da guerra e da infamia.
Desde Arousa contemplamos dun xeito solidario o que acontece no corazón de Europa, na cidade onde se atopa o motor que move a política europea e que marca o destinos dos pobos, tamén os que están lonxe da Unión Europea.
Sen querer entrar en xustificacións de ningún tipo sobre o que non o ten, si que me gustaría abrir un proceso de reflexión que nos sirva para aprender de cara ao futuro. As políticas orientadas a alimentar conflitos internos en función de intereses económicos determinados ou xeoestratéxicos non conduce a nada bo e a crenza de que se podía aillar, como si dun virus de laboratorio se tratara, un conflito “rexional” no terceiro mundo para ensaiar todo tipo de estratexias na procura de determinados equilibrios de intereses están totalemente caducos e errados. 
Agora o “virus” mútase en forma de terrorismo a través de “lobos solitarios” ou “comandos” despiadados e perfectamente entrenados que saben facer dano onde máis doe á opinión pública: as vítimas civiles inocentes á porta dos centros de poder a ollos visto dos medios de comunicación audiovisual que co seu deber de informar contribúen, indirectamente, a propagar o medo, auténtico obxectivo propagandístico do terrorismo e dunha falsa vinganza que persiguen este tipo de asasinatos.
Non quero entrar no vello dito de “non as temas, non as fagas…” pero está claro que os “erros” dos poderes fácticos de occidente, daqueles que gobernan os mercados, estanno a pagar moi caro as vítimas que como as de Bruxelas quedan tendidas sobre o chan deixando orfos, ilusións e vidas, ou non?

AROUSA CONTRA O TERRORISMO

Te puede interesar