• Miércoles, 26 de Septiembre de 2018

Auditorio Valle-Inclán

A finais deste mes cúmprense os 150 anos do nacemento dun arousán universal

A finais deste mes cúmprense os 150 anos do nacemento dun arousán universal, o vilanovés con fondas raíces na Pobra do Caramiñal Ramón María del Valle-Inclán, unha data especial que, de non demorarse as cousas en demasía a causa das trifulcas políticas e burocráticas, podería ser unha ocasión que nin pintada para inaugurar o desexado e anhelado Auditorio Municipal de Vilanova de Arousa.
Agora, despois de demasiado tempo de rifi-rafes entre a Deputación Provincial e o Concello, chégase á sinatura do convenio que permitirá (suponse) culminar con éxito unhas obras que estaban chamadas a atravesar un fatigoso e farragoso camiño do deserto.
Por fin parece que van quedar atrás os problemas político-burocráticos para darlle un pulo definitivo a  un edificio moi demandado polos veciños e veciñas do concello de Vilanova de Arousa onde o seu dinamismo cultural e social facía casi obrigatorio dispoñer dunha infraestrutura axeitada como este auditorio.
O proxecto xa foi larvado había moitos anos e pendentes de que chegara o momento da súa execución estaban prácticamente tódolos colectivos sociais e culturais do municipio. Que o berce de Valle-Inclán non dispuxera dun lugar axeitado para poder acoller a representación das súas obras de teatro parecía en si mesmo un despropósito que corría o risco de eternizarse coa chegada da crise e as políticas de austeridades que impedían a aprobación dunha obra de semellante envergadura.
Unha vez que as trabas económicas parecían superadas, comezaron os problemas derivados do enfrontamento político, a incomprensión burocrática e a falla de man esquerda dos responsables de levar adiante este proxecto para reconducir a situación e levala a bo porto.
Afortunadamente a cordura parece que de vez en cando aflora entre a clase política do noso país e o interese xeral imponse aos personalismos e ás gañas de protagonizar en exceso cuestións que, noutros países de democracia máis avanzada, son indiscutibles.
Agora agardemos que a contratación, e as obras en si mesmas, se axilicen ao máximo co fin de que canto antes podamos contemplar en Vilanova de Arousa, nun auditorio digno de Valle-Inclán, gran parte da obra dramática composta polo principal literato da Xeración do 98. Logo será cuestión de demandar unha programación axeitada que dinamice un habitáculo ao que haberá que darlle o seu contido axeitado, ou non?.