Benito Leiro, o “cronista tranquilo” de toda Arousa

O Pleno da Corporación Municipal de Vilanova de Arousa acaba de nomear ao xornalista Benito Leiro, “Cronista Oficial” do concello, unha distinción que vén a redondear a carreira deste profesional da comunicación amante da súa vila natal e tamén de toda a contorna arousá.

Co seu estilo repousado, sereno, tranquilo e sempre perfectamente documentado, Benito Leiro representa a unha estirpe de xornalistas que foron facendo de Arousa e dos seus veciños e veciñas protagonistas da historia cotiá dun país chamado Galicia que ten neste recuncho un do seus lugares máis dinámicos e xeradores de información e contidos de interese.

A Benito Leiro coñézoo desde a época do desaparecido Xornal Diario, de Pontevedra (xa choveu) do que foi corresponsal en Arousa, e das súas distintas correrías profesionais que o levaron a traballar para os mellores xornais de Galicia como El Correo Gallego e Faro de Vigo, do que foi delegado en Vilagarcía durante varios anos. Tamén son admirador dos seus traballos xornalísticos e literarios co “Planeta Arousa” como eixo vertebrador da súa tarefa e tamén co contrabando e o narcotráfico como punto de unión, sen esquecer a súa admiración e debilidade por Julio Camba e o seu estilo xornalístico envolto nunha retranca inigualable.

De feito, Benito Leiro recolle a testemuña como “Cronista de Vilanova” do falecido Xosé Lois Vila Fariña, con quen tamén chegou a compartir un traballo sobre a condesa e benefactora de Barrantes, a ribadumiense Julia Becerra Malvar. Tampouco me quero esquecer do seu profundo coñecemento do mundo do albariño, non en van Leiro estivo durante moitos anos ligado ao departamento de Comunicación do Concello de Cambados.

Tampouco quixera deixar pasar por alto os numerosos premios, incluso de ámbito nacional, colleitados por Benito Leiro como o prestixiosísimo Ortega y Gasset de xornalismo (“o Pulitzer español”) que adorna as vitrinas da súa casa…

Pero si algo hai que salientar de Benito Leiro son varias cousas: A excelente persoa que é, o seu talante e a súa capacidade para transmitir nos seus artigos xornalísticos que empatizan co público máis alá dunha simple peza escrita nun anaco de papel e, sobre todo, a súa afabilidade, compañerismo e bonhomía que irradia desde o minuto un de porte a falar con el. Antes que nada Benito Leiro é unha grande persoa, un daqueles xornalistas con conciencia en toda a amplitude desta palabra.

Vilanova recoñece públicamente a un dos seus fillos predilectos con este nomeamento, pero desde logo toda Arousa débese sentir honrada por contar entre os seus membros máis egrexios a Benito Leiro, ou non?

Benito Leiro, o “cronista tranquilo” de toda Arousa

Te puede interesar