Miércoles 22.05.2019

Calquera día, un Notre Dame en Arousa...

alquera persoa sensible coa arte e a historia sentiu no máis profundo da súa alma a dor producida polas chamas que consumiron unha boa parte da historia da humanidade. Contemplar con impotencia como se queimaba Notre Dame, a grandiosa catedral de París, produciu en todos nós unha sensación de derrota indescritible só mitigada pola certeza de que o grandioso incendio non ocasionara danos persoais nin vítimas mortais.
Esa imaxe tardará moitos anos en diluirse no imaxinario colectivo de todos nós e, ao mesmo tempo, ten que servir de motivo de reflexión sobre o inxente patrimonio cultural e arquitectónico que albergan as igrexas e os nosos pazos sen que teñan as medidas de seguridade axeitadas para evitar que desgrazas como as sucedidas na capital francesa se poidan extender a recintos como o mosteiro da Armenteira ou o Pazo de Fefiñáns, sen ir máis lonxe.
Non quero entrar en quen debe velar por ese patrimonio nin se é da igrexa católica ou de tal ou cal particular. Debería haber unha normativa de rango autonómico que obrigara a calquera propietario dun Ben de Interese Cultural (BIC) a conservalo nas mellores condicións posibles para que poida ser visitado, coñecido e ser obxecto de investigación por calquera estudoso. E, para elo, tamén habería que poñer desde as institucións públicas os medios necesarios para que eso fora así. Esixir unha axeitada conservación, pero tamén axudar cos cartos de todos (os impostos) a que esta circunstancia poidera ser efectuada con garantías e supervisada pola administración pública.
Desde logo que ninguén está libre de ter un accidente con consecuencias nefastas, pero sempre é mellor previr que lamentar e co rico patrimonio atesourado en edificacións emblemáticas que xalonan a comarca do Salnés, O Barbanza e Ulla-Umia ben merecera unha atención especial por parte de organismos, como por exemplo Patrimonio, que non só velaran polo cumprimento da normativa senón que axudara na difícil tarefa de conservar e divulgar esta riqueza arquitectónica, cultura, pictórica en moitos casos, ou documental.
Mentres non sexamos quen de coidar o noso patrimonio cultural estaremos expostos a perdelos nun abrir e pechar de ollos sen que moitas veces teñamos feito o necesario para evitar a súa perda. Un pobo que non sexa capaz de mante-las súas sinais e idiosincrasia corre o serio risco de desaparecer como entidade social con identidade propia, ou non?

Calquera día, un Notre Dame en Arousa...
Comentarios