O CASCABEL DOS SALARIOS

P asada a resaca electoral nos concellos chega o momento de ter que entrar en fariña organizativa e na toma de decisións por parte dos representantes políticos dos novos equipos de goberno que, sobre todo, cando estaban na oposición vían o tema de administrar o “interese xeral” como unha cuestión doada e de rápida aplicación.
Unha das cuestións máis escabrosas é a relacionada coas liberacións e coa asignación de salarios tanto para os alcaldes como para os concelleiros encargados de facer unha xestión diaria que lle obriga a ter unha adicación parcial ou exclusiva digna de ter que ser remunerada. Ata aí todo ben, o problema é cando hai que deixar de lado o pudor persoal e poñerlle cifras ao compromiso político que, ao mesmo tempo, supón tamén en moitos casos parte (ou todo) do substento familiar.
Poñerse un soldo digno, pero por enriba da media do común dos mortais, pon en entredito a vocación de servizo do rexedor, por outra banda ir á política, a traballar 24 horas ao día os 365 días por menos do que cobraba na súa actividade privada parece que non é moito de recibo…
Ante esto, hai que deixarse de demagoxias e entrar con claridade no tema. Non pode un alcalde cobrar menos que un secretario ou un interventor posto que a responsabilidade e a adicación non son a mesma e tampouco se pode caer en salarios demagóxicos como o da alcaldesa de Barcelona que cobra menos que un policía local ou que un empregado do servizo de recollida do lixo. Nin tanto alá nin tanto acá.  
Poñer unha norma, de non superar unha cifra máxima, sitúa nunha posición comprometida a aquel alcalde ou alcaldesa que se achegue ou roce “o prezo xusto” e non ven a dar resposta a un problema.
A lexislación debería ser clara, é dicir, poñerlle dunha vez “o cascabel ao gato” e marcar un salario digno para o alcalde e así evitar suspicacias e situacións de falso pudor. Así, cando un aspira a un posto sabe de antemán canto vai cobrar. E digo cobrar porque defendo que sexa remunerado non vaia ser que por ser máis papistas que o Papa acaben adicándose á política non só os mediocres senón aqueles que teñen posibles que, si cabe, é mais grave, ou non?.

O CASCABEL DOS SALARIOS

Te puede interesar