Coas cousas do cannabis non se xoga...

Falar de políticas de prevención e loita contra as drogas é referirse, entre outras moitas persoas, ao traballo incansable de Manuel Isorna en toda a comarca de Arousa, en xeral, e de Catoira, en particular. Así, acábase de presentar un congreso internacional, que se celebrará a finais de ano na vila vikinga, coa intención clara de xuntar a expertos en materia relacionadas coa implantación de hábitos saudables, implicacións médicas das toxicomanías, etc.
Este simposio servirá tamén de punto de encontro para o debate, sobre todo para discernir acerca dun tema relacionado coa chamada “variante recreativa” do consumo de substancias como o cannabis, o que está a provocar certa permisividade e incluso banalidade na nosa sociedade, inconsciente dos seus riscos.
Sempre que se fala destes temas salta á palestra a eterna discusión sobre a conveniencia ou non da legalización das drogas. Na miña modestia opinión, aínda que hai moitas voces que avogan por unha política aperturista como modelo de acabar co negocio das mafias e os atentados contra a saúde pública, sigo pensando que é un erro.
A legalización das drogas acabaría co tráfico de substancias, pero non sería unha resposta axeitada ao problema de saúde pública que para unha sociedade supón a proliferación de estupefacientes. Os efectos das drogas sobre as persoas son tan daninas que aínda que houbera un sistema de control farmacéutico e incluso médico para dispensalas abriríamos a porta dun xeito moi perigoso a unha invasión descontrolada do uso das drogas o cal podería ser letal para a nosa mocidade e, por engadidura, poría en serio risco o futuro da nosa sociedade levándoa irremediablemente cara a autodestrución.
Por moitas voltas que lle levo dado a este tema, e sendo consciente de que hai que combatir o tráfico de drogas, creo que a legalización non é o camiño. Pode que estea equivocado, pero vexo demasiados riscos sobre a mesa para permitir unha convivencia habitual, cotidiá e consentida no tocante ao consumo de drogas. Hai xente que o compara co tema do alcol e aos efectos da “Lei seca”, pero tampouco me parecen moi edificantes os episodios derivados dos famosos e polémicos “botellóns” (agora parece que un tanto demodé) pero que son antesala dun grave problema que afecta moi directamente á mocidade, moito máis do que pensamos.
Polo tanto, impulsemos políticas de prevención e de loita contra o tráfico de drogas (incluidas ás cohercitivas exercizas polo Estado) ao tempo que imos preparando á nosa mocidade desde un punto de vista intelectual e educacional para saber dicir que non e así evitar caer vítimas das “fábricas de zombies”, en tódalas súas manifestacións posibles. So cunha mentalidade crítica, informada e ben formada podemos vencer á lacra da droga, ou non? 

Coas cousas do cannabis non se xoga...

Te puede interesar