O corte dunha coleta emérita

Unha vez finalizado o longo e tedioso proceso electoral, que nos mergullou durante estes meses que levamos de ano nun interese monotemático nos medios de comunicación (agás o manido problema catalán, “of course”), comezan agora a aflorar toda unha nova serie de noticias que agardaban o seu momento para brilar con luz propia no firmamento da actualidade do país.

Así que acabamos de coñece-la decisión do monarca emérito, Don Juan Carlos, de apartarse dos actos oficiais de representación amosando o seu desexo de pasar casi a unha situación de anonimato imposible, pero que na práctica vaille supor ao seu fillo un aumento de chollo no tocante á asistencia a saraos complicados e tediosos como os famosos enterros e funerais de Estado, encomendas ás que Felipe VI destinaba, últimamente, a presenza do Rei Emérito como si dalgún xeito estivera insinuando de xeito pouco educado o seu próximo destino…

Desde logo, e a xulgar polas imaxes das súas últimas aparicións en público, Don Juan Carlos non ofrece precisamente unha imaxe moi edificante senón que todo o contrario. Os achaques de saúde propios da súa idade xunto ás súas afeccións habituais relacionadas cos problemas óseos (parece que non está xa para moitos trotes) pode ser que teñan aí a razón definitiva desta decisión.

As malas linguas din tamén que as relacións entre pai e fillo, por culpa da Raíña, non pasen de novo polo seu mellor momento e a campechanía do Rei Emérito hai tempo que vai mudando cara converter a Don Juan Carlos nun vello roñento aqueixado pola idade, os problemas de saúde e unha perda constante de protagonismo aprol do seu sucesor, que tamén ten mal encaixe.

En fin, que seguramente poderemos ver calquera día navegando pola ría de Arousa ou a de Pontevedra a Don Juan Carlos disfrutando da súa intimidade xa non como persoeiro público senón como amante e defensor da práctica da vela como elemento fundamental da súa vida e como embaixador das marabillas que as Rías Baixas supoñen para a práctica deste deporte.

Polo demais, que disfrute da súa xubilación definitiva gastando o menos posible do Patrimonio Nacional como derradeiro servizo á cidadanía e que aproveite a fortuna que ten acumulada para facer uso da mesma, como é propio de calquera persoa que soubo gardar das risas para os momentos dos choros, ou non?

O corte dunha coleta emérita

Te puede interesar