Tolerancia cero co furtivismo violento

orprendíanos moi negativamente estes días a nova de que un gardapesca do Grove recibira unha tunda brutal cando estaba fóra de servizo, diante da súa muller e a súa filla, nas inmediacións da súa casa nun suceso que, presuntamente, está directamente relacionado coa súa actividade profesional e que tivo como protagonista aparente a unha serie de furtivos reincidentes.
Este atentado contra a integridade física dun vixiante da Confraría do Grove activou, como non pode ser doutro xeito, tódalas alarmas nos pósitos da ría de Arousa ante unha situación que os profesionais do mar ven con preocupación xa que nos últimos tempos a actividade extractiva ilícita de marisco vai en aumento, asociada tamén a un incremento de episodios violentos que teñen como protagonistas a determinados individuos sobradamente coñecidos por parte dos corpos e forzas de seguridade do estado que, lamentablemente e tras sancións administrativas, volven reincidir no seu comportamento sin que teñan consecuencias disuasorias de importancia como para te-las en conta.
O sector extractivo da ría de Arousa leva anos profesionalizado e sendo un exemplo de ordenamento produtivos con futuro e que dá emprego a moitas familias que teñen no marisqueo unha fonte importante para manter e soster as economías domésticas en moitos concellos ribeireños. A necesidade de protexer este modo de vida destas persoas deriva na obrigación de protexer un medio de vida a través da presenza de vixiantes contratados polas confradías como xeito de poñer coto a aqueles individuos que dun xeito irresponsable quérense aproveitar do esforzo e do traballo alleo.
Unha sociedade avanzada non se pode permitir episodios violentos nin comportamentos baseados na lei do máis forte como xeito de se desenvolver ante os demais. Todos xuntos debemos dicir non dun modo alto e claro non so a través de actitudes individuais senón tamén mediante os mecanismos dos que se dota unha sociedade madura para autoorganizarse: a lei e a orde. É dicir, a xustiza para exercela e os corpos e forzas de seguridade do estado para aplicar as sentenzas con proporcionalidade, pero asegurándose de que son cumpridas para evitar que algún pensen que están por enriba dos demais e que podan obrigarnos a rexirnos por unha especie de Lei da Xungla, ou non?

Tolerancia cero co furtivismo violento

Te puede interesar