O Covid-19 indulta este ano aos franchutes en Casaldeirigo…

Moitas son as consencuencias que está a provocar o coronavirus bautizado como Covid-19. Ademais das implicacións sanitarias e das mortes causadas, están tamén as derivas económicas que esta pandemia está causando en todo o mundo e tamén no Estado Español onde o propio Fondo Monetario Internacional (FMI) cifra nun 8 % a caída do Produto Interior Bruto (PIB) e sitúa a taxa de desemprego nuns niveis próximos á crise de hai 12 anos, afectando ao 20 % da poboación activa.

Outras consencuencias que se están a producir son as suspensións das tradicionais festas e celebracións que, co inicio da primavera, ían agromando por estas datas en gran parte da xeografía galega. Citas gastronómicas como a Festa da Troita, en Ponte Caldelas, a máis veterana no seu xénero con máis de medio século de actividade, suspendeu a súa celebración ata o vindeiro ano e así con outro tipo de eventos como a pasada Semana Santa, as tradicionais romarías de San Cibrán ou a das Cabezas da Armenteira, no municipio de Meis.
Entre a lista de baixas hai que contar xa coa Festa dos Maiores de Valga e a Batalla de Casaldeirigo onde se recrea de maneira moi exitosa o combate que protagonizaron os veciños e veciñas desta parroquia valguesa contra as tropas de Napoleón, hai 212 anos, e, nesta ocasión, vanse librar da habitual paliza por mor da alerta sanitaria que obriga ao Concello de Valga a anunciar que se pospón esta popular celebración ata o vindeiro ano.

Podemos dicir xa que este ano 2020 pasará á historia mundial pola irrupción do coronavirus e de como veu a modifica-la nosa forma de vida non só polo confinamento obrigado ao que estamos sometidos senón tamén porque foi quen de impedir que os galegos e as galegas, que os arousáns, deixaran de celebra-las súas festividades máis senlleiras, cuestión que non sucedeu nin en momentos onde, incluso, se desenvolvían confrontacións bélicas.

No fondo, temos que recoñecer que estamos ante unha auténtica guerra na que debemos loitar como un pobo unido, como hai 212 anos fixeros os veciños de Valga para derrotar a un inimigo moi superior e lográrono con valentía, sacrificio e honor. Agora tócanos a todos nós loitar desde o confinamento para derrotar a un inimigo invisible que ameaza non so a nosa saúde senón a noso xeito de manifestarnos como pobo singular no mundo, ou non?

O Covid-19 indulta este ano aos franchutes en Casaldeirigo…

Te puede interesar