En defensa da economía arousá

A medida que nos imos introducindo na era post-Covid-19 (se é que a podemos chamar así) vemos como a inercia da desaceleración económica e da destrución de emprego vai collendo rumbo dun xeito preocupante e sin que ninguén pareza poñerlle freo. Así, esta fin de semana tivemos a ocasión de ver a todo un pobo, o grovense, unido en torno ás traballadoras da empresa conserveira Thenaisie Provoté que ven como vai pasando o tempo e non se acaba por vislubrar unha saída de continuidade a unha factoría que leva máis dun século ofertando emprego e aportando riqueza á economía local.

As políticas deslocalizadoras da produción unidas á falla de proxectos empresariais locais de solvencia arroxan un difícil futuro para os centos de familias que viven de xeito directo ou indirecto do aporte laboral da conserveira Thenaisie Provoté. Desde a Corporación Municipal meca claman os representantes políticos por unha intervención da Xunta e mesmo da Deputación para tentar atopar unha saída negociada que garanta a continuidade dos postos de traballo.

A situación de Thenaisie Provoté é un aviso a navegantes do futuro incerto e difícil que se nos aveciña na etapa post-Covid-19 onde combatir o virus do desemprego e da falla de alternativas laborais será un dos principais retos cos que nos teñamos que enfrontar nos vindeiros anos. Segundo os economistas máis entusiastas cifran a recesión, a caída do PIB, en todo o Estado Español en 15 puntos aínda que hai quen é máis pesimista e fala de que poderemos rondar máis os 20 de caída libre, datos moi superiores á crise económica rexistrada no ano 2008 e do que todos fumos vítimas e sabedores das súas consecuencias.

Ante esto, seguimos sen un marco de actuación e reindustrialización serio, cunhas administracións pensando máis en medidas paliativas a curto prazo e incluso rozando o electoralismo oportunista que buscando alternativas de reconstrución axeitada que nos permita aprender dos nosos erros aínda que esto supoña unha intervención máis directa do Estado no modelo produtivo e no incentivo de determinadas industrias e empresas que favorezan o enraizamento do tecido social en situación de alta competitividade seguindo modelos máis avanzados neste sentido como os que imperan no norte de Europa.

Mentras tanto, aquí en Arousa, temos que actuar como unha piña defendendo o noso, aos homes e mulleres que viven da economía produtiva que xira na nosa comarca en torno á actividade vitivinícola, o mar e a manufactura conserveira e alimentaria. Se non somos capaces de ver esto caeremos todos, como un auténtico castelo de naipes, ou non? 

En defensa da economía arousá

Te puede interesar