• Domingo, 23 de Septiembre de 2018

Degustación frente a botellón...

Paréceme un xesto valente e intelixente o feito de abordar

Paréceme un xesto valente e intelixente o feito de abordar con tempo suficiente, antes da chegada dunha nova edición da Festa do Albariño de Cambados, o feito de sacar a debate o horario de atención ao público das casetas destinadas ás adegas, ubicadas no paseo da Calzada e que acaban converténdose no epicentro desta celebración enolóxica.
A ninguén se lle escapa que a Festa do Albariño ten varios compoñentes que hai que analizar no seu conxunto e que pasan tamén polo consumo responsable do príncipe dos brancos, a promoción enolóxica, gastronómica e turística de Cambados así como por todo un sector económico moi puxante e que se reivindica día a día nos mercados internacionais.
Consubstancialmente con esta celebración estase producindo un fenómeno caracterizado polo consumo irreflexivo e irresponsable do viño albariño entre unha gran masa de consumidores, especialmente mozos e mozas, que se achegan eses días ata o paseo da Calzada para converti-lo nun auténtico “botellódromo” pese aos intentos por parte dos organizadores, o Concello, adegueiros e demais en que esta celebración sexa outra cousa.
Tódolos anos o dilema está en saber si este tipo de consumo desmesurado e sin control favorece os  intereses da Festa do Albariño ou non. A imaxe que se ofrece a altas horas da noite e tamén de madrugada con mozos e mozas en situacións pouco decorosa e edificantes polo paseo da Calzada e zonas anexas non contribúen moito a dar beleza e esplendor ao casco histórico cambadés nin a ofrecer unha imaxe da que todos nos sintamos especialmente orgullosos, pero tamén é o resultado final dun xeito moi particular de entender esta e outras festas e que van máis coa moda do momento que coa responsabilidade directa dos promotores.
Que agora se intente evitar no posible ese tipo de consecuencias a través da redución do horario de apertura dos stands das adegas das cinco da madrugada ás 00:30 horas non sei si conseguirá o efecto desexado e evitar esa imaxe negativa das consecuencias que para a mocidade ten o consumo irresponsable de substancias alcohólicas.
Aquí o que habería que dilucidar é cal é o verdadeiro obxectivo das casetas do paseo da Calzada, explícome: Facer caixa eses días, sacar o viño que estorba nas adegas ou facer un auténtico labor de promoción dos distintos caldos e marcas que acompañan ao magnífico traballo que fan os nosos Padegueiros... Quizais en dar resposta a estas preguntas está a solución ao problema, ou non?