A DEPUTACIÓN, CAMIÑO DA REDENCIÓN OU DA SÚA AMNISTÍA

A nova presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, protagonizou xunto ao seu vecipresidente, o nacionalista Cesáreo Mosquera, o primeiro sínodo de alcaldes e alcaldesas da súa etapa ao fronte deste ente provincial para o cal, todavía, os seus asesores están a teorizar sobre o seu futuro e funcionalidade definitivos. 
Os 52 alcaldes e alcaldesas dos municipios de menos de 20.000 habitantes tiveron a oportunidade de escoitar de voz dos máximos responsables dunha entidade que, ata o de agora con máis ou menos matices ou críticas, era a responsable da capacidade investidora (e en moitos casos tamén da xeración de emprego público) nos pequenos e medianos concellos de cal vai ser a súa principal función, toda vez que antes da chegada do bipartito ao poder o ente era cualificado por socialistas e nacionalistas como “rede caciquil, anomalía democrática do século XXI ou especie xurásica a extinguir…” o que faría pensar a calquera que sería un órgano condeado á morte, pendente dunha clemente amnistía. 
Nembargantes, parece que as liñas principais esbozadas por Carmela Silva falan de que o organismo manterase con vida e os diversos plans investidores deseñados ata o de agora para a administración local fusionaranse e concentraranse baixo un mesmo epígrafe, ou denominación, que deixará atrás aos famosos POL, PUSIM, etc. e pasará a chamarse algo así como “Fondo Local de Investimentos”. 
O nome é o de menos, o importante é a dotación orzamentaria (fálase dunha asignación inicial de 40 millóns de euros. Non está nada mal…) e o destino que terá. En principio, eses cartos estarán á espera, en palabras de Carmela Silva, das “suxestións e propostas dos distintos concellos para a elaboración final deste novo fondo porque a Administración Local é a verdadeira protagonista das necesidades dos seus veciños e veciñas”. 
Agardemos que esto non se convirta no anuncio dun novo Plan E que acabe convertendo a cada concello nun “Reino de Taifas” onde cada un acabe facendo da súa capa un saio e sin planificación nin control algún en función da teoría esbozada por Mosquera sobre que “a finalidade do novo goberno provincial é transferirlles a maior parte dos orzamentos aos concellos para que estes teñan autonomía e se responsabilicen logo do seu gasto…” 
En fin, parece que xa se lle está a atopar unha nova función que xustifique a súa supervivencia, altamente ameazada antes de chegar ao poder. Será que cada un fala da feira según lle vai nela, ou non?

A DEPUTACIÓN, CAMIÑO DA REDENCIÓN OU DA SÚA AMNISTÍA

Te puede interesar