Día das Letras... arousás

Hoxe é un día especial para tódolos galegos e galegas porque se homenaxea dun xeito especial ao noso idioma a través das Letras Galegas, é dicir, divulgando e celebrando a obra dun autor senlleiro, neste caso Carlos Casares. Teño que confesar que este escritor ten para min un valor especial posto que o primeiro libro que lin en galego na miña vida, era eu moi pequeno foi con motivo da miña Primeira Comuñón cando os meus tíos, mestres en Campo Lameiro, agasalláronme cun exemplar da “Galiña Azul”, ese maxistral libro que estes días está de moda entre os nenos e nenas dos nosos centros escolares causou en min unha fonda pegada que aínda me dura hoxe.
Non pedía Carlos Casares para a lingua galega máis que “un lugar baixo o sol da Europa que aspiramos a construir só co propósito de empregar os seus vocábulos máis fermosos (solidariedade, liberdade, amizade…) e expresar con eles a memoria do pobo en que nacín”. Non se pode expresar de mellor maneira.
Tamén aproveito esta ocasión conmemorativa, desde este escaparate que cada semana me ofrece Diario de Arousa, para rachar unha lanza aprol dos senlleiros fillos e fillas que a Ría de Arousa deu para as letras galegas e que, moitos deles foron obxecto xa dunha homenaxe no 17 de Maio aínda que outros están pendentes de recibir un merecido recoñecemento por parte de toda Galicia.
A literatura universal ten nos distintos concellos que conforman as comarcas bañadas pola Ría de Arousa un punto de referencia especial polo poder da creatividade que atesouran figuras tan salientables como Valle-Inclán, Cabanillas, Castelao, Dieste, Lueiro Rei ou o mesmísimo premio Nóbel Camilo José Cela que, pese a non prodigarse en lingua galega si ten unha infancia moi ligada á Ría, especialmente ao pobo de Carril coa posta en marcha do ferrocarril como nexo vertebrador da súa familia coa Perla de Arousa.
Mil primaveras máis para as letras galegas e en especial para todos aqueles autores de novo cuño que están en proceso de consolidación ou agromando como novas xeracións dispostas non só a coller a testemuña literaria senón a seguir coa súa vitalidade creativa. Din que son malos tempos para a lírica, quizais esa afirmación teña de certo todo que cada sociedade quera outorgarlle. Nas mans de todos nós está facer deste adaxio un mal recordo do pasado ou non…

Día das Letras... arousás

Te puede interesar