Distinta vara de medir...

Onte almorzámonos pola mañá cunha noticia abrindo os xornais galegos que falaba de que cinco altos dirixentes da antiga Novacaixagalicia eran encarcerados na Lama para cumprir unha pena de dous anos por “administración desleal” como administradores da caixa de aforros que tivo que ser, posteriormente, intervida polo Estado e na que tivemos que poñer tódolos contribuíntes deste país máis de 9.000 millóns de euros que “non os caga un corvo”… perdón.
Tamén, nun pequeno curruncho desas mesmas páxinas de xornais aparecía a condea a unha empregada do fogar que tiña que cumprir, uns poucos meses menos, 15 en total, por roubarlle á señora da casa onde traballaba unhas xoias que non chegaban, nin por asombro, a unha cantidade parecida. Nun roubo similar ocorrido no 2014, tamén por outra empregada do fogar que traballaba de xeito esporádico, a cuantía do botín foi de 656 euros e a condena tamén acadou os 15 meses de prisión.
Dúas condeas, dúas accións de deslealdade. A segunda, cara á persoa que lle abrira a súa casa e a empregara e, a primeira, por terse aproveitado da confianza de aforradores e cidadáns para utilizar dun xeito patrimonialista e ao seu favor todo un instrumento de desenrolo colectivo da economía dun país como Galicia que, mercede á súa intervención, deixaron á nosa comunidade sin unha ferramenta, unha auténtica panca, para proxectar a recuperación económica do noso país.
Desde o punto de vista ético e moral, os dous comportamentos son rexeitables, incluso o da muller que traballaba de empregada do fogar, sin entrar en si caiu presa dos malos pensamentos ou das súas circunstancias, que tamén habería que coñecelas. Pero, no caso dos cinco “magnates” dos negocios e da banca en Galicia, o tema ten delicto e nunca mellor dito.
Agora que, analizando as consecuencias das accións vemos que no caso da muller, foi condeada a 15 meses por roubar xoias por valor duns 656 euros, mentras que os respectables directivos tiveron unha sentenza condeatoria de 24 meses, nove máis que a empregada do fogar, pero coa diferencia de que ela devolveu o roubado e as indemnizacións millonarias todavía están pendentes de voltar ás arcas do erario público.
Así que, unha de dúas ou non todos somos iguais ante a lei ou parece que sae máis a conta, no caso de ter que quedarse alguén con algo alleo, facelo de xeito millonario que non quedarse na piouca, ou non?

Distinta vara de medir...

Te puede interesar