• Sábado, 22 de Septiembre de 2018

Educación frente a violencia...

Asistimos estes días nas tres comarcas onde ten incidencia este xornal

Asistimos estes días nas tres comarcas onde ten incidencia este xornal, e me atravería a afirmar que en toda Galicia, a un sinfín de actos conmemorativos do 25 de Novembro, Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero, como unha especie de xeito de purgar institucionalmente un complexo de culpabilidade por non ter reducido ou eliminado esta lacra, dun xeito definitivo, da nosa sociedade.
As estatísticas están aí e son demoledoras. Seguen existindo casos de violencia de xénero con resultado de morte que, en lugar de minguar ou desaparecer, consolídanse dun xeito abraiante pese ao endurecemento de penas para os agresores e campañas publicitarias (con maior ou menos acerto, como esta última da Xunta…) de concienciación social colectiva que lonxe de supor un remedio a esta cuestión hai quen incluso fala, como cando suceden as vagas de lumes, dunha especie de “efecto chamada” sobre o agresor que parecera envalentonarse ao ver que o del non é un caso aillado.
O certo é que visibiliza-lo problema é fundamental para erradicalo, pero tamén precisa de implementar tódolos resortes dos que dispón o estado do benestar para garantir unha protección efectiva ás vítimas e aos seus fillos para que este problema deixe de se considerar unha cuestión de índole doméstica e privada, casi unipersoal e da “sorte que che tocou” (mala, por suposto), que un tema relacionado diretamente cun comportamento antisocial que hai que estirpar de raíz.
E onde está a raíz? Seguro que sobre esto hai moitísimas teorías, pero inclínome pola educación de base, na casa e tamén no colexio, en tódolos ámbitos da sociedade, no tempo de lecer, no estereotipo e as modas, nas redes sociais e, en definitiva, en tódolos eidos posibles.
Un bo comezo nesta importante tarefa é a educación das novas xeracións de nenos e nenas non só nos centros educativos senón sobre todo nas nosas casas, no entorno familiar. A tolerancia, o respecto a cultura da diversidade de pensamento, comportamento baseado en valores humanos, etc. son fundamentais para evitar calquera risco futuro de cair no maltrato de xénero ou de calquera tipo.
Esta tarefa urxente non se pode delega en ninguén. Debemos acometela con responsabilidade e conscientes de que mellora-lo mundo e modificar o que non nos gusta empeza por nós mesmos sabendo que a acumulación de pequenos cambios poden acabar transformando de verdade, e para ben, a nosa sociedade, ou non?