En perigo de descarrilar

Os desencontros político-persoais producen, ás veces, serios enfrontamentos que perduran no tempo polo empecinamento dos seus protagonistas que non dubidan en se aferrar á súa particular cuota de razón para querer demostrar diante de todo o mundo que levan as de gañar cando, na realidade, é que todos perden…
Algo similar ocurre na “relación institucional” entre a Confraría de Pescadores e a Agrupación de Parquistas de Carril e o goberno municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa que manteñen activo un incomprensible conflicto desde hai máis dun ano por mor da nula capacidade de chegar a un entendemento sobre as datas e os lugares que protocolariamente teñen que ocupar uns e outros na celebración da famosa Festa da Ameixa da localidade arousá.
O problema, lonxe de se solucionar vai camiño de se enquistar dun xeito pouco intelixente para os intereses xerais dos veciños, mariscadoras e sectores produtivos e a propia imaxe institucional que desde o goberno municipal do Concello de Vilagarcía se debería trasladar á opinión pública e tamén aos centos de visitantes que por estas datas se achegan ata Carril para disfrutar, e degustar, da Festa da Ameixa.
Neste tipo de discusións cada parte cre que ten razóns suficientes para manter as súas posicións ao tempo que se sinte obxecto de respectivas afrentas, por parte do seu antagonista no conflicto, cando deberían apostar máis por tender pontes que contribúan a normalizar unha relación que non debería terse estragado nunca e de cuxo éxito serán responsables ámbalas dúas partes, pero tamén do seu fracaso.
Esta situación de desgaste non é boa para ninguén. Con este enfrontamento ningún dos actores en liza sairá victorioso e o conxunto do sector e a imaxe institucional rematará tocada en maior ou menor medida porque para o éxito desta Festa fai boa falla o concurso e a participación de todos, remando na mesma embarcación e cun rumbo definido porque, doutro xeito, podemos acabar metendo o barco nas pedras ou rematar nunha situación bélica permanente que provoque o desestimento de calquera das dúas partes no tocante á aposta por esta Festa cando o que se precisa é a colaboración complementaria entre o sector privado e o institucional para que se poda avanzar dun xeito serio, eficaz e eficiente cara ao bo camiño.
En fin, esperemos que o sangue non chegue ao río e non se opte por buscar a toda costa unha victoria pírrica na que acabe por importar máis o ego persoal dos contendentes que o interese xeral dos carrilexos e os arousáns en particular, ou non?

En perigo de descarrilar

Te puede interesar