OS ENCANTOS DE CABALLERO...

Este ano conmemórase o 400 aniversario da morte do escritor de ascendencia galega Miguel de Cervantes Saavedra, pai do inxenioso cabaleiro Don Quixote, aquel home amante das andanzas e historias de cabaleirías que toleou ante a incomprensión racional de quen o rodeaba.
Sin querer entrar en máis comparacións que as estrictamente necesarias, estes días anda de peregrinaxe por terras arousás Abel Caballero, o grande señor do sur de Galicia, alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que veu a pregoar en Vilagarcía as bondades da súa xestión non só ao fronte da Cidade Olívica senón tamén da Área Metropolitana que, a modo de “ínsula barataria” agachada tras un inxenuo e inocuo municipalismo, vai texendo de xeito incansable unha tea de araña de complicidades para ampliar a súa influencia territorial ata chegar ata as portas da propia capital da provincia e máis alá sin que ninguén se dea conta.
Ademais de ser esta unha visita protocolaria por parte de todo un presidente da FEMP a unha cidade tradicionalmente socialista, a terceira en importancia en canto a número de habitantes da provincia, Caballero aproveitou tamén para achegar o seu manto protector a Alberto Varela Paz, e ás súas huestes, coñecedor de que o inquilino de Ravella comanda con pulso firme, con calma pero seguro, o rexurdimento do PSOE vilagarciano apoiado na súa xestión municipal.
Agora que son tempos difíciles para o socialismo galego tras a demisión de Gómez Besteiro, obrigado pola acción inquebrantable e inexorable da xustiza dirixida con rigor extremo pola xuiza De Lara, e  unha vez pacificado o territorio vigués, tras as escaramuzas internas provocadas polas interminables liortas sofridas polos enfrontamentos cos seguidores do ex alcalde Carlos Príncipe e do outro Caballero, don Gonzalo, agora don Abel está disposto a comandar, cual novo César, a Pax Viquensis e extendela ao conxunto da vella Galaecia.
Consciente de que agora a fórmula empregada en Vigo nas pasadas municipais baseada no “Vini, vidi, vinci” non é aplicable nin ás agrupacións socialistas existentes no territorio nin ao conxunto dos electores, Abel Caballero está a desplegar os seus encantos nas distancias curtas e sumar tódalas tropas que lle sexan posibles para afrontar nas mellores condicións a batalla definitiva que para uns sitúanna no control definitivo do PSdeG-PSOE e que outros cren que estes movementos van máis cara lograr a bendición definitiva dos deuses para reinar de facto nunha nova terra prometida, ou non?

OS ENCANTOS DE CABALLERO...

Te puede interesar