Un entroido diluído en auga...

Este ano 2017 vai vento en popa a toda vela. Levamos consumidos dous meses desde que sonaron as campás da Porta do Sol e xa nos mergullamos na recta final do primeiro trimestre. Non sei si esta rapidez é a auténtica responsable do que eu dou en chamar como paupérrima capacidade inventiva e imaxinativa dos argalláns do entroido porque, a diferencia doutros anos, esta vez parece que estamos a pasar estas datas dun xeito pouco reivindicativo e iso que motivos inspiradores para finas e afiadas plumas dos coplistas hai dabondo.
Quizais sexa pola choiva e o frío que chegou agora de repente, cando estabamos xa acostumándonos ao cambio climático e a esta invernía descoñecida pero que, ao asomar o entroido, mudou cara o inverno tradicional que, aínda que é propio da estación na que estamos, nós estabamos xa pensando máis na primavera.
Pode ser que esta humidade permanente acabara por enferruxa-los miolos pensantes dos encargados de deseñar os disfraces de rigor e as coplas das murgas que máis que mordentes parece que este ano estiveran certamente fanados, necesitados dunha intervención cualificada dun ortodoncista axeitado que dera resposta a unha espectativa creada coa sentenza do Caso Nóos e a saída en liberdade do ex duque e a infanta.
Non se trata aquí de reivindicar vellas glorias como aquelas polémicas coplas dos míticos “Faneca esfameada”, do Grove, que acabaron por provocar un auténtico terremoto no entroido meco con detencións e xuizo de por medio e todo. Creo que fora a piques de rematar o pasado século ou un par de anos antes. Insisto, non se trata tampouco de chegar a tanto pero o carácter transgresor do entroido vaise diluíndo a medida que pasa o tempo dun xeito casi que apático en toda a sociedade abandoando a súa razón se ser.
Os mozos ven no entroido unha escusa para un novo botellón entre semana e os non tan novos mergúllanse na indolencia propiciada tamén pola propia xustiza e a sociedade na que vivimos onde non é que xustifiquemos situacións inxustas ou escándalos, como a corrupción política ou daqueles que deberían dar exemplo, senón que todo vai calando como a fina choiva que está a caír estes días sobre Arousa e xa nos parece que todo forma parte da paisaxe polo que nada nos afecta e ninguén se inmuta.
Pode ser esta unha visión particular, pesimista, pero quizais tamén teña culpa deso o día morriñoso que temos para acompañar este entroido, ou non? 

 

Un entroido diluído en auga...

Te puede interesar