Estranos compañeiros de cama...?

arotundidade coa que se pronuncian os principais líderes do noso país sobre calquera tema de trascendencia e interese nacional é unha das carácterísticas intrínsicas do noso modelo político, sobre todo pola súa firmeza e conviccións profundas. Sen parangón entre as democracias do noso entorno. Así, pasamos no seu momento do “non é non” de Pedro Sánchez á investidura como presidente de Mariano Rajoy a dicir sobre un hipotético goberno de coalición con Unidas Podemos: “Yo sería presidente del Gobierno. Y sería un presidente del Gobierno que no dormiría por la noche. Junto con el 95% de los ciudadanos que tampoco se sentirían tranquilos” (Pedro Sánchez dixit).

Pois xa ven vostedes que, unha de dúas, ou Pedro Sánchez retornou ás orixes marxistas do Partido Socialista (de Groucho Marx que dicía que “non é a política a que crea estranos compañeiros de cama, senón o matrimonio) ou comeza a facerlle efecto a “Dormidina” (contra o insomnio) que lle recetaron os cidadáns despois do 10 de novembro.

Particularmente inclínome por pensar que a solución escollida por Pedro Sánchez para desbloquear a gobernabilidade do noso país ten claramente inspiracións marxistas sobre todo aquelas que afectan directamente ao cerne e aos principios que rixen a súa política nos últimos anos que non é outra que, parafraseando novamente a Groucho Marx: “Estes son os meus principios. Se non lle gustan… teño outros”.

Polo tanto, o que non era posible no mes de xuño pasado, agora en 24 horas, por arte de “birle birloque”, con dobre salto mortal con tirabuzón invertido, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias fundíronse nunha sentida e emotiva aperta que selaba un acordo previo, preliminar eso si, de 10 puntos fundamentais de difícil consecución despois de sesudas e maratonianas sesións de estudio e discusión que recollen, entre outra cousas, temas tan dispares como a defensa da liberdade, a tolerancia, o respecto aos valores democráticos, a procura da consolidación do crecemento económico e a creación de emprego, loita contra a corrupción, contra o cambio climático, axudar ás pequenas e medianas empresas e autónomos, asegura-la dignididade das persoas, defensa da cultura, políticas de igualdade e empoderamento feminino, revertir o despoboamento, garantir a convivencia en Cataluña, etc.

Como se pode ver, toda unha declaración pormenorizada e minuciosa de intencións nunca vista antes e moi difícil de ser asumida por calquera onde se ve que os negociadores tiveron que facer moitas concesións e renuncias para poder logra-lo obxectivo de desbloquear a gobernabilidade do país e asinar un pacto.

En fin, logrouse un acordo en 24 horas que non pudo fructificar en xuño despois de múltiples encontros e desencontros das delegacións negociadoras razón pola cal houbo que ir de novo a eleccións e gastar outra vez 200 millóns de euros do erario público onde as forzas políticas protagonistas desta entente perderon, entre ámbalas dúas, uns 10 deputados e baixando… dándose de conta de que coas cousas de comer non se xoga, ou non?

Estranos compañeiros de cama...?

Te puede interesar