Fariña e a síndrome de Estocolmo...

Antes de iniciar o meu comentario de hoxe, vaia por diante a miña felicitación polo éxito interpretativo ao elenco de actores e actrices que dan vida a “Fariña”, serie de Antena 3 que está a protagoniza-las noites dos mércores. Sen querer desmerecer a ninguén, hai que salientar a intervención dos entrañables Carlos Blanco, “Morris” e Pepo Suevos polos cales teño un aprezo especial e aos que non podo máis que felicitalos polas súas interpretacións maxistrais, pero todo ten un “pero” cariñoso…
Por moito que me esforce no contrario, o aprezo que sinto por eles fanme ver con simpatía indebida ás personaxes que encarnan, sobre todo no caso de Carlos Blanco, facendo que con esta ficción ata eu caia nunha especie de síndrome de Estocolmo preocupante polo que supuxo o drama arousán vivido por mor do narcotráfico non hai moitas décadas. 
Pero se iso me pasa a min, que teño unha minúscula idea do tema, que pasará cos milleiros de persoas que ven nesta serie a un Sito Miñanco aloucado, rebelde, transgresor e desafiante co seu futuro e un Laureano Oubiña, manipulado por Esther Lago, socarrón e ata entrañable?
Preocúpame que esta síndrome de Estocolmo acabe agromando entre a audiencia e se vexa no resto do Estado Español unha imaxe comprensiva cunha actividade que arruinou vidas e facendas porque parecera que esqueceramos que o narcotráfico estragou por completo unha xeración de mozos e mozas nas nosas bisbarras e arruinou coa súa actuación fraudulenta e de economía mergullada a moitos pequenos e medianos negocios que non puideron competir coas “ofertas” branqueadoras que durante moitos anos puxeron en marcha coñecidos comercios asentados nos centros das nosas vilas.
Gustaríame que a xente tivera a suficiente conciencia crítica para discernir entre unha ficción a modo de adaptación televisiva dos clans do narcotráfico e a auténtica realidade que foi moi diferente e que se pode ver nos autos de procesamento e nos fallos xudiciais adoptados pola Xustiza despois dun esforzo ímprobo levado a cabo por policías, axentes do SVA, gardas civís, xuíces e a propia sociedade civil encarnada en asociacións de nais contra a droga e colectivos sociais que axudaron a dar a batalla decisiva contra os narcotraficantes. Non me gustaría que alguén pensara que aqueles anos que se viviron en Arousa estaban protagonizados por “pseudo-Lutes” ou imitadores de “El Vaquilla”. Non. Aquelo era outra cousa ben distinta, ou non?

Fariña e a síndrome de Estocolmo...

Te puede interesar