O FENÓMENO DO “GUAYLLISMO”

Teño un vello amigo, non tanto en idade pero si polos anos que levamos xa con esta relación de amizade (con algún que outro roce ideolóxico, pero con moito cariño entre ambos e non me doen prendas en recoñecelo) co que teño a ben xantar cada mes e medio, aproximadamente, para tomarlle o pulso á actualidade do país e facer algunha que outra proxección demoscópica do que esta pasando ou pode chegar a pasar.
Como dous pitonisos da voluble e apaixoante ciencia política revisamos lideratos, actuacións, tácticas, estratexias, conveniencias de datas electorais e, estimulados polo príncipe dos blancos e na intimidade da nosa mesa, ata nos atrevemos a dicir que fariamos no caso de que estiveramos no lugar de fulano, mengano ou citano. 
Este amigo meu, polo que teño gran admiración e devoto cariño, sorprendeume no último xantar que compartimos hai uns días na capital da provincia cun termo para definir aos novos líderes e responsables da “res publica”, en tódolos niveles da administración, como representantes do “guayllismo”.
Sustentou a súa definición cun preámbulo baseado no seguinte argumento: O relevo xeracional é lei de vida e, últimamente en política, estase a converter nun “modus operandi” de todo partido que queira ofertar ao seu electorado unha alternativa crible e atractiva. Independentemente do que leve realmente aparellado detrás e da valía dos seus representantes, o importante é que os que conformen esta alternativas sexan e se sintan “guays” e que teñan capacidade para agradar á xente e ao electorado. Segundo o meu amigo, o de menos é a súa capacidade de xestión ou idoneidade para o cargo. Só ten que ter “ocurrencias”, que non propostas serias, e don de xentes; o resto é o de menos…
Ao principio cualifiqueino de “esaxerado”, pero teño que confesar que me deixou matinando durante o que quedaba de día e boa parte da noite. E, a verdade é que ese termo encaixa moi ben no que antes se chamaba a “progresía”, no caso da esquerda, e nos “engominados” no caso da dereita. Dous fenómenos desideoloxizados que na práctica cumpren unha función común que non é outra que vivir do conto, subirse desde moi novos a un coche oficial e tomar a política como un “modus vivendi” cunha idea clara que non é outra que facer realidade aquel vello estribiño que dicía: “Y si somos los mejores, bueno y que?”.
Desde logo eche ben certo que cando falamos de política os cidadáns estamos ben fartos de ver como, na práctica, as cacarexadas renovacións e rexeracións non sirven de nada e os estremos sempre acaban tocándose a través do “guayllismo”, ou non?

O FENÓMENO DO “GUAYLLISMO”

Te puede interesar