• Sábado, 22 de Septiembre de 2018

A Festa do Albariño, de interese internacional

Desde logo a declaración feita polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo

Desde logo a declaración feita polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo da Festa do Albariño (previo informe positivo da Xunta de Galicia) como de “Interese Turístico Internacional” non por ser unha noticia máis que esperada non deixa de ser moi celebrada polos distintos sectores implicados no seu desenrolo como son os vitivinícolas, o enoturísticos, os gastronómicos e os turísticos en xeral, sen esquecer por suposto ás administracións públicas especialmente implicadas no tema como son o Concello de Cambados, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
Esta declaración internacional é a máxima que se pode conceder a un evento festivo destas características e é a primeira vez que se lle concede a unha festa enogastronómica galega. A de Cambados é a décima festividade que a logra na nosa Comunidade xunto á do Apóstolo Santiago, a Romaría Vikinga de Catoira, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), o Corpus Christi de Ponteareas, a Semana Santa de Viveiro, a Semana Santa de Ferrol, as Fogueiras do San Xoán da Coruña e a Festa da Arribada de Baiona.
Queda máis que demostrado logo que a Festa do Albariño de Cambados ten un interese estratéxico para o sector turístico en Galicia no máis amplio dos seus conceptos e sentidos polo que parece claro que ninguén pode porse de perfil á hora de axudar, apoiar e promocionar esta celebración independentemente da cor política de quen ocupe o sillón principal de cada unha das administracións que teñen algo que dicir neste tema.
Polo tanto, é hora (sempre foi así) de que todo o mundo deixe de lado as súas aspiracións persoais, políticas, protagonismos infantís, etc. e atope a fórmula máis axeitada para coordinar esforzos, non pisarse e lograr unha maior proxección exterior dun produto estratéxico no entramado económico dunha comarca como a de Arousa e que ten un tirón e unha imaxe que debe ser coidada co celo preciso para evitar que acabe deteriorándose.
A Festa do Albariño é o que é polo prestixio das adegas, a calidade do viño, a hospitalidade de Cambados e un axeitado e harmonizado programa festivo que contribúe ao realce propio da celebración evitando as demoníacas tentacións de convertila nul vulgar “botellón” e fuxir, no posible, de búsquedas innecesarias dunha masificación innecesaria e sin sentido en lugar de procura-la excelencia e unha maior rendibilidade, ou non?