GONZALO DURÁN EXHIBE MÚSCULO

Cando está todavía no aleiro a continuidade de Gonzalo Durán como presidente da Mancomunidade do Salnés, despois do “affaire” protagonizado polos independentes liderados por outro Gonzalo, o de Sanxenxo, que deixaron novamente “in albis” a este órgano supramunicipal, o popular de Vilanova de Arousa exhibe músculo achegando ata o seu municipio nada máis e nada menos que a unha das superministras de Mariano Rajoy, a pontevedresa de adopción, colega de profesión e amiga personal do alcalde vilanovés, Ana Pastor. 
Moitos din que sona a despedida e que a ministra lle prometera ao alcalde de Vilanova visitar o Concello sin ser desposuída de semellante título, pero si hai un alcalde xenuino e inimitable, que está por enriba do ben e do mal (políticamente falando), ese é Gonzalo Durán, quen non tivo nunca nin pelos na lingua nin compromisos máis alá dos que lle son propios polo seu cargo como rexedor dun dos concellos máis importantes da ría de Arousa, berce de Valle-Inclán e dos irmáns Camba, como lle gusta dicir con orgullo a este médico vilanovés metido a político. 
Gonzalo Durán, mestre do márketing e profundo coñecedor dos movementos entre bambalinas, sabe captar sempre a atención mediática alá onde estea presente. Por activa (e ás veces por pasiva, intencionadamente) sabe manexar os tempos e as circunstancias ao seu antoxo facendo que a carambola máis rocambolesca pareza unha simple casualidade na que el sempre está detrás como si un alumno avantaxado de Maquiavelo se tratara. 
O golpe de efecto mediático, mobilizando a toda unha ministra de Rajoy para fixar de novo o foco sobre Vilanova de Arousa, e sobre o seu alcalde, coa escusa de reactivar o polígono industrial de Baión volve a ser unha xogada mestra para transgredir o anonimato ao que parecen ter sumido aos rexedores populares despois da última contenda electoral onde saíron non moi ben parados. 
Durán volve revitalizar a actualidade e a atención mediática na comarca do Salnés cun simple feito como é a posta en marcha dun servizo de información sobre o polígono de Baión que parecía durmir o soño dos xustos sin un auténtico paladín que o defendera, quizais á sombra do emerxente Barro-Meis promocionado pola Deputación Provincial de Rafael Louzán. 
Agora que Barro-Meis está en mans do “adversario político”, Durán da un xiro de timón e pon o foco, de novo, sobre Baión coa intención de liderar a recuperación económica, industrial e do emprego en Arousa. Un novo golpe de man de Gonzalo Durán, ou non?

GONZALO DURÁN EXHIBE MÚSCULO

Te puede interesar