Hai que valer...

Esto de exercer a política activa en primeira liña está cada vez máis reservado para aquelas persoas que valen, que teñen estómago e carecen de todo tipo de escrúpulo para poder comungar con rodas de muíño ou do que sexa. Onte asistía na sobremesa á comparecencia pública de Fernando Martínez Maíllo, enviado especial do presidente nacional do PP, Mariano Rajoy, a poñer paz definitiva no “affaire” de Pedro Antonio Sánchez (non confundir co ex secretario xeral do PSOE) para evitar que o goberno da Rexión de Murcia pasara a man dun tripartito formado polo PSOE, Podemos e Cidadáns.
A escea non podía ser máis “shakesperiana”. Parecía que estaba a contemplar unha nova versión actualizada de “Hamlet”. Así, mentras polos pasillos calquera estaría preocupado en albiscar si realmente había ou non algo que “cheiraba mal en Dinamarca” resulta que, como si dunha ocurrencia matinal se tratara, o presidente da comunidade murciana, o popular Pedro Antonio Sánchez, ante a chegada do plenipotenciario de Madrid, situado ao borde do precipicio político, decide dar un paso cara adiante e caír no abismo da súa dimisión; eso si, sin abandonar o escano que lle dá dereito ao tan manido aforamento.
“Pelillos a la mar y a otra cosa mariposa”, que diría o clásico. Aquí paz e despois gloria. Vamos, que aquí non pasou nada. Pedro Antonio Sánchez consultou coa almofada, deu un par de cabezadiñas e xusto antes de erguerse, como si dun proceso similar ás aparicións de Fátima se tratara, mirou a luz e accedeu ao que lle pedían desde hai semanas: A poñer a súa cabeza en bandexa para que Cidadáns podera sacar peito e continuar todo como estaba.
Mentras este acto de revelación (con uve, non con “b” de rebeldía) sucedía, o tal Maíllo oficiaba por unha banda de “Celestina” cos representantes de Cidadáns e, pola outra, escenificaba o “abrazo de Vergara” entre Pedro Antonio Sánchez e o seu “golfiño” (enténdase na acepción de sucesor), Fernando López Miras, para que todo siga igual.
Eu non saía do meu asombro. Miraba para o sorriso de Maíllo e o cariacontecido Sánchez e pensaba que para esto de estar na primeira liña política hai que valer. É así, non vale calquera. E, agora, a ver que sae da lotería dos tribunais. Despois deste acto de contrición eu aposto polo sobreseimento ou a absolución, e volta a empezar, ou non?

Hai que valer...

Te puede interesar