A importancia de apelidarse A...ragunde

Estamos de xeito inexorable ante unha nova convocatoria electoral para elixir deputados e senadores que nos representen no Congreso e na Cámara Alta e, ao mesmo tempo, comezan xa a ruxir os motores internos dos distintos partidos políticos para colocar en postos de saída a aqueles candidatos que poden logra-la confianza suficiente dos electores para ocupar os distintos escanos que compoñen os órganos de representación política no noso país.

Hai quen fala de que esta será unha ocasión para reafirmar políticas e candidatos ou para todo contrario en función de cómo lles foi nas pasadas eleccións e o traballo desempeñado polo electos que tiveron tempo desde abril para apuntar maneiras, tanto nun sentido como noutro.

No Partido Popular, por exemplo, hai quen quere aproveitar esta oportunidade para recompoñe-las listas confeccionadas polo equipo de Pablo Casado, empeñado en diferenciarse o máximo posible da herdanza e dos efluvios do “Marianismo” para abrazar novos postulados máis en sintonía co “pasado glorioso” encarnado polo “Aznarismo”, pero que non acaba de convencer nin ao aparato e menos aínda ao electorado, a xulgar polo pírrico resultado colleitado o 28-A.

Hai quen di que este é o momento de actuar coa cabeza en lugar do corazón e presentar listas formadas con persoas capaces de desempeñar ben a súa función independentemente das súas querencias ou “padriños” para evitar que a bisoñez das súas “señorías” acabe por causarlle serios problemas de operatividade aos distintos grupos parlamentarios que se formen no Congreso e no Senado.

Precisamente na Cámara Alta, onde as súas señorías se elixen de xeito nominal e non a través de listas pechadas como no caso do Congreso, xoga un papel fundamental a orde que se ocupa na papeleta salmón, tipo “sábana” desplegable. Non é unha cuestión baldía se non moi importante porque a xente soe votar ás siglas e riscar non por orde de preferencia e coñecemento (a inmensa maioría non sabe quen son os candidatos aos que vota) senón que marca segundo a orde que estean colocados. En consecuencia, teñen máis vantaxe aqueles que o seu apelido empeza por A, B, C ou mesmo D fronte a outros que pola súa filiación vaian colocados ao final do seu grupo.

Así que agora que se fala no PP de aires de renovación nalgunha lista, especialmente a do Senado, haberá que ir pensando en candidatos que teñan a sorte de dispor dun apelido que ocupe un lugar de privilexio no alfabeto: Por dicir algún así a bote pronto, pensando na comarca do Salnés, pois por exemplo alguén que se apelide Aragunde, político cambadés en espera de destino, ou non?

A importancia de apelidarse A...ragunde

Te puede interesar